CRTVG

Buscar

Galicia entra nunha fase practicamente confinada sen contacto entre non conviventes

Publicado o 27/01/2021 14:45

Tras semanas superando os 600 casos por cen mil habitantes en case todas as áreas sanitarias e un mes con 20 ingresos hospitalarios ao día, Galicia entra nunha nova fase practicamente confinada.

A partir de hoxe, e, en principio, ata o 17 de febreiro, limítase a mobilidade tanto interna coma externa. Non se pode saír dos concellos, salvo para cumprir obrigas laborais, acompañamento a maiores ou dependentes, asistencia a centros médicos, pero tamén para o coidado de hortas e animais ou o desprazamento a establecementos comerciais para abastecerse de alimentos ou bens de primeira necesidade en caso de que non exista alternativa no propio concello. Tamén está limitada a saída e entrada da comunidade autónoma e hai que xustificala.

Só se poderá estar coas persoas con que se vive, tanto na casa coma fóra. Quedan prohibidas por tanto todo tipo de reunións sociais. Hai excepcións: no caso de persoas que vivan soas, poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Tamén se permiten, por exemplo, as reunións de menores cos pais se non viven na mesma casa.

Non se pode ir a bares nin restaurantes, agás para recoller comida ou cafés para levar.

Supermercados, farmacias ou talleres poderán abrir ata as nove e media da noite. Pero o resto de comercio, considerado non esencial, terá que pechar ás seis da tarde.

Suspéndense as clases universitarias ata o 8, logo serán telemáticas. Colexios e institutos si que abren. Nas escolas oficiais de idiomas e nos conservatorios, as clases serán en liña.

Tampouco se pode ir ás bibliotecas nin ao cine nin ao teatro. Tampouco estarán abertos os ximnasios. E acabouse o deporte en grupo. A partir de hoxe só se pode practicar individualmente e con máscara. 

Noticias web

27/01/2021