CRTVG

Buscar

Galicia baralla estender os peches perimetrais ás fins de semana

Publicado o 31/10/2020 13:19

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que a extensión dos peches perimetrais das cidades e algúns dos seus concellos limítrofes e da limitación das reunións a só conviventes ás fins de semana "é unha posibilidade". 

A Consellería de Sanidade adoptou este venres a decisión de endurecer as restricións en Galicia ante o aumento constante de contaxios e mortes por coronavirus na comunidade ata o vindeiro martes, cando o comité clínico que a asesora se volverá reunir. 

Núñez Feijóo avanzou que entón este grupo de 34 expertos "revisará cal é a situación e pode ser que alonguemos por máis tempo ese peche perimetral ou, pola contra, entender que non é necesario durante os días de semana porque os desprazamentos son moi pequenos". 

Abundou en que de luns a venres ata as 15:00 horas os desprazamentos "desde o punto de vista do lecer" son "inexistentes", e en que á Xunta lle interesa "protexer a saúde e que non caia a economía, por esta orde". Ao preguntarlle por se diso se deduce que en Galicia se poderían aplicar os peches perimetrais localizados por cidades ou áreas metropolitanas só as fins de semana, Feijóo admitiu que se valorará no seo do comité clínico asesor e que "é unha posibilidade" e "unha hipótese" que valorarán os expertos. 

O presidente da Xunta recalcou que existen "medidas máis eficientes ca outras" e que "o fácil é pechalo todo, e o difícil, combinar determinadas aperturas con determinadas e fundamentais garantías sanitarias".

"Imos ver se somos capaces de ir acertando nunha cirurxía máis localizada e igual ou máis eficaz ca unha gran cirurxía, máis xenérica", asegurou Feijóo, quen subliñou: "Esta non é unha decisión política. É unha decisión clínica", e engadiu que, de momento, seguindo este criterio, "foinos ben". 

Ao preguntarlle por se as restricións acoutadas á ponte de Defuntos teñen semellanza coas da Comunidade de Madrid, Feijóo remitiu ao feito de que en Galicia "moitos temos os nosos antepasados enterrados nas vilas", e o que se busca evitar son desprazamentos das cidades ao rural, e con eles, "desprazar o virus". "Non a adoptamos -a decisión de endurecer as restricións en Galicia- por temas de pontes ou doutras cuestións", aseverou.

Tamén xustificou que en Galicia se diferencie entre as sete grandes cidades e o resto do territoro en que un peche perimetral de toda a comunidade xa existe "de facto", ao tomar esta decisión Asturias, Castela e León e Portugal. "Ninguén podería entrar en Galicia", aseverou. 

Así mesmo, esgrimiu que a Xunta solicitará que os esforzos de Policía e Garda Civil se centren en vixiar os peches perimetrais, sobre todo nas cidades, antes que controlar as autovías, pois os movementos serán "practicamente testemuñais". 

Adicionalmente, razoou que as comunidades non teñen competencias para pechar estacións de tren ou aeroportos, co que os efectos do peche global serían "moi limitados". 

Por último, apuntou que no caso de que alguén non residente en Galicia entrase na comunidade "de forma ilegal", non podería reunirse con ninguén máis que cos seus conviventes, co que, na práctica, preservaríase a "situación de burbulla" e "non habería ningún risco para a saúde dos demais". 

Nesta liña, Feijóo recalcou que "non ten sentido adoptar medidas globais" se non se "ataca o fundamental: o risco de que rompa a unidade de convivencia". 

O presidente da Xunta confiou en que a cidadanía "entenda o porqué" do endurecemento das restricións, nunha "decisión meditada" e que "entendemos que é a mellor para preservar a saúde e a que mellor mantén os principios básicos de funcionamento da economía en Galicia".