CRTVG

Buscar

Galicia, baixo os efectos do temporal

Publicado o 12/12/2019 17:30
Galicia, baixo os efectos do temporal

Está activado o aviso laranxa por temporal costeiro en todo o litoral da comunidade, con vento forte, chuvia intensa e ondas que poden superar os 6 metros.A dirección Xeral de Emerxencias recomenda a suspensión de actividades pesqueiras nas zonas máis perigosas, e lembra que non é aconsellable achegarse á primeira liña de costa, ante posibles golpes de mar.

O porto de Ribeira amencía esta mañá con gran parte da súa frota pesqueira amarrada. O motivo, o temporal que obrigou a activar o aviso laranxa en todo o litoral galego. Segundo as previsións, será unha xornada na que se rexistrarán, en distintos puntos do litoral, ondas de ata 6 metros, que poden ser maiores a partir do mediodía. Por iso a Dirección Xeral de Emerxencias recomenda a suspensión de actividades pesqueiras e marisqueiras nas zonas máis perigosas, así como afastarse da primeira liña da costa, praias e paseos martítimos, ante os posibles arrastres e golpes de mar.  

 

E en terra... nova xornada de paraugas. Hoxe chove a cachón. Hai aviso laranxa en zonas do interior da Coruña e Pontevedra e tamén na montaña de Lugo, por acumulacións superiores aos 80 litros por metro cadrado en 12 horas. No resto das dúas provincias atlánticas o aviso é amarelo. Agárdanse rexistros de ata 40 litros por metro cadrado no mesmo período de tempo. Chuvia intensa, pero amais fortes refachos de vento. Hai aviso amarelo tamén no noroeste da Coruña, na Mariña e nas zonas altas de Ourense por refachos que poden os 80 quilómetros por hora. Mañá será unha xornada de transición con chuvia xeneralizada, pero sen avisos en terra. 

Alerta laranxa tamén na Mariña luguesa. A frota de baixura permanece amarrada nos portos ante a situación de ondas de ata sete metros de altura e de refachos de vento superiores aos cen quilómetros por hora. A chuvia tamén caeu durante toda a mañá, pero con menos intensidade da agardada. Dende Protección Civil e as confrarías recomendan extremar as precaucións.

As comarcas da montaña luguesa tamén se atopan en situación de alerta laranxa, neste caso polas abondosas chuvias que se agardan para a tarde.

 

 

 

 

Noticias web

12/12/2019