CRTVG

Buscar

Falecen 7 persoas de covid nunha xornada en que Galicia baixa dos 6.000 infectados

Publicado o 27/02/2021 20:14

• Hai 5.900 enfermos e a cifra de novos contaxios é de 272, idéntica á da xornada anterior

• A presión hospitalaria segue a diminuír con 533 ingresados, 31 menos

 

Sanidade informa do falecemento de 7 persoas nas últimas 24 horas diagnosticadas con coronavirus e ingresadas nos hospitais galegos. Trátase dun home de 78 anos na Coruña, outro home de 77 en Ourense, unha mulller en Lugo. Ademais, morrían un home de 95 anos no hospital do Barco de Valdeorras, que procedía da residencia de Carballeda de Valdeorras, un home máis de 94 ingresado en Ourense, outro de 70 anos en Pontevedra e, por último, un home de 83 anos que estaba ingresado no clínico de Santiago.

Con estas vítimas mortais xa son 2.207 os falecidos desde o comezo da crise sanitaria pola covid en Galicia.

Os indicadores da incidencia da covid en Galicia seguen a amosar no comezo da desescalada a tendencia á melloría das dúas últimas semanas con descensos. Os casos activos, con datos das 18 horas do venres, son 5.900, con 373 infeccións menos que a xornada anterior. Detectáronse 272 novos positivos, a mesma cifra que a véspera, xa estabilizada por baixo dos 300, pero diagnósticáronse 244 por PCR, 22 máis respecto das 24 horas anteriores.

Galicia comeza a desescalada cunha diminución da presión hospitalaria. As persoas hospitalizadas son 533, o que supón 31 menos que a xornada precedente. En planta hai 419 pacientes, que son 28 menos e nas UCI precisan coidados 114 enfermos, tres menos.

Situación por áreas sanitarias

Unha xornada máis as sete demarcacións sanitarias do país logran baixar o total de enfermos de covid. Destaca o descenso na da Coruña que permite á xerencia, a máis castigada polo virus na terceira vaga, caer por baixo dos 2.000 casos: son agora 1.890. Aínda, iso si, cun importante volume de PCR positivas, 98 nas últimas 24 horas, 28 máis que o día anterior. A presión asistencial atenúase: 40 pacientes nas UCI e 137 en planta.

Quédalle un longo camiño por percorrer para situarse en valores semellantes aos do resto de Galicia. As máis próximas, as da provincia pontevedresa, seguen a tal distancia que nestes momentos, a de Vigo conta coa metade de casos activos: 945. Con 48 PCR positivas (-17), 16 enfermos en coidados intensivos e 53 en planta. Os datos actuais quedan asi:

A Coruña: 1.890

Ferrol: 621

Lugo: 591

Ourense: 366

Pontevedra: 842

Santiago: 645

Vigo: 945

Máis sobre actualidade