CRTVG

Buscar

Galicia apúntase á moda sostible, unha alternativa ecolóxica para vestirte

Publicado o 28/11/2019 15:09

• A industria téxtil é unha das máis contaminantes, segundo datos da ONU 

• A moda sostible busca ofrecer alternativas respectuosas co medio ambiente e as condicións dos traballadores

A industria téxtil é unha das máis contaminantes. Emprega enormes cantidades de auga e produce máis emisións de dióxido de carbono que todos os voos e envíos marítimos internacionais. A moda rápida ou fast fashion, roupa barata, de tendencia e de baixa calidade, non fai máis que acentuar este problema. Como resposta, comezan a aparecer iniciativas que apostan por unha moda sostible, respectuosa co medio ambiente e coas condicións laborais dos traballadores. Galicia súmase a esta moda.

Segundo datos da ONU, para fabricar un par de pantalóns son necesarios arredor de 7.500 litros de agua, a mesma cantidade que bebe unha persoa ao longo de sete anos de vida. Ao ano, a industria téxtil emprega 93.000 millóns de litros de auga.

Pero non só por iso a industria téxtil é unha das que máis dana o noso planeta. A ONU publica nos seus informes que as emisións de dióxido de carbono das fábricas de roupa supoñen un 10% das totais. É dicir, contaminan máis que todos os voos e envíos marítimos internacionais.

 

A xa coñecida como fast fashion ou moda rápida multiplica este problema. Este termo emprégase para designar o modelo actual de produción e consumo de roupa: roupa barata, de tendencia e de baixa calidade, case de usar e tirar. Este modelo avoga por unha maior produción, un maior consumo e, como consecuencia, un maior número de pezas que rematan no lixo. Como exemplo, só entre o ano 2000 e o ano 2014, o volume de produción téxtil duplicouse.

Porén, se ben se trata dun modelo aínda en auxe, pouco a pouco comeza a haber sinais de que algo está cambiando. As novas xeracións están cada vez máis concienciadas sobre a necesidade de coidar o medio ambiente. O movemento impulsado pola activista adolescente sueca Greta Thunberg, Fridays for Future, está tendo un grande impacto na opinión pública.


O mundo da moda non é inmune a estes cambios. Forever 21, unha das marcas insignia da fast fashion estadounidense, acaba de declararse en bancarrota. Grandes cadeas téxtiles como Inditex comezan a introducir coleccións de moda sostible e recollen pezas vellas para reciclalas. Outras empresas, como Intimissimi, ofrecen descontos se o cliente leva roupa para reciclar á tenda.

H&M, outra gran coñecida da fast fashion, manifestou a súa intención de funcionar ao 100% con enerxía renovable e contar cun modelo de produción completamente circular para o ano 2040 e Levi Strauss & CO afirmou ter un novo plan para combater o cambio climático, planeando reducir un 40% en toda a súa cadea para o ano 2025, segundo informa a ONU. 

Pola súa parte, a propia ONU comprometeuse a axudar esta industria a reducir a súas emisións a través da iniciativa Climate Neutral Now.

Como resposta á fast fashion nace o que se coñece como slow fashion ou moda sostible. O obxectivo? Crear roupa tentando producir o menor impacto posible e tendo e garantindo unhas boas condicións laborais en todos os procesos da cadea de produción. O termo foi empregado por primeira vez por Kate Fletcher,  profesora de sostibilidade, deseño e moda no Centre for Sustainable Fashion de Londres.

O 24 de abril de 2013, un edificio derrubouse causando a morte de máis de mil persoas en Bangladesh. Segundo informou a prensa, o inmoble non cumpría unhas medidas mínimas de seguridade e os falecidos eran traballadores dos talleres téxtiles que albergaba. A partir deste momento, o termo slow fashion comezou a coller forza. 

Fashion Revolution nace coa visión dunha industria da moda que valore as persoas, o medio ambiente, a creatividade e os beneficios de xeito equitativo. Fundada por Carry Somers e Orsola de Castro, o seu obxectivo é unir persoas e organizacións para mudar o modelo de produción e consumo e conseguir que a roupa que se consome estea feita de xeito seguro, limpo e xusto.

En Galicia, a coordinadora de Fast Revolution é Noemí Díaz. Ela é tamén unha das creadoras de Fento, unha asociación de moda sostible a nivel galego que promove a produción e o consumo de moda consciente entre a cidadanía así como a colaboración entre marcas sostibles. 

Fento organiza actividades moi diversas para concienciar sobre a necesidade dun consumo responsable como talleres para aprender a remendar a roupa ou mercados sostibles. Este mes de novembro, como resposta ao Black Friday, sacan á rúa as súas pezas e propoñen outras alternativas sostibles como o venres verde.

No ámbito galego, existen tamén empresas que se enmarcan dentro da slow fashion. Un exemplo é Voikukka, a tenda de Irene, que, cansada das dificultades para atopar roupa sostible, creou este espazo para facilitar o acceso a estas pezas.


Mudar por completo o modelo de produción téxtil non é algo doado. Porén, hai pequenos xestos que poden axudar. Reutilizar a roupa, reciclala e non tirala ao lixo e reducir o consumo son os primeiros pasos para unha moda máis limpa e responsable.