CRTVG

Buscar

Galicia non descarta o regreso ás aulas se as condicións sanitarias o permiten

Publicado o 14/04/2020 19:29
Galicia non descarta o regreso ás aulas se as condicións sanitarias o permiten

As comunidades autónomas e o Ministerio de Educación abordan este mércores un encontro clave para o desenvolvemento do terceiro trimestre e o establecemento de criterios para avaliar o alumnado.

Fano nun contexto de extensión das medidas de confinamento que se prologarán, polo menos, ata o vindeiro 26 de abril e sen unha previsión para recuperar a presencialidade nos centros.   

A pesar diso, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional apostou por non descartar aínda o regreso ás aulas. Tamén considerou que "sería positivo non só desde o punto de vista académico, senón tamén do benestar emocional", que alumnos e profesores poidan compartir algunhas xornadas lectivas no que resta de curso. Todo isto coa condición de que as circunstancias sanitarias o permitan.

A Xunta acudirá ao encontro con Celaá e o resto de comunidades co obxectivo de lograr "o maior consenso posible" sobre o desenvolvemento do terceiro trimestre, que xa deu comezo.   

A reunión deste mércores servirá para estudar os cambios, a modificación de contidos e competencias básicas previstas para este período.

Este mesmo luns, o departamento de Carmen Pomar remitiu un comunicado ás direccións dos centros para dar unhas primeiras directrices tras a  volta de Semana Santa. A Consellería de Educación trasladou unha serie de criterios para ir avanzando na organización do terceiro trimestre.

En concreto, que a actividade lectiva non presencial continuará mediante repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido ata o de agora, centrándose na adquisición de competencias básicas.   

Mentres estas directrices non son definitivas e Educación matizou que se ditarán as instrucións que procedan despois da Conferencia Sectorial prevista para este mércores.

Desacordo entre as administracións e a comunidade educativa

As medidas tomadas ata ou momento polas administracións públicas non convencen, con todo,  á  comunidade educativa galega e tanto as ANPA, como os sindicatos de profesorado e as asociacións de alumnos manifestaron a súa crítica tanto nos medios de comunicación como nas redes sociais.   

Nun comunicado unitario subscrito pola Confederación Anpas Galegas, Confapa Galicia, e os sindicatos CIG-Ensino, FeSP-UXT Galicia, CCOO Ensino, CSIF Ensino Galicia e ANPE Galicia, estas  organizacións solicitaron dar por finalizado ou curso escolar 2019-2020 con data do 13 de marzo.