CRTVG

Buscar

Galicia administra o 86 % das vacinas e agarda normalidade malia o recorte de Pfizer

Publicado o 17/01/2021 14:33

Galicia administrou ata esta fin de semana o 86 % das vacinas recibidas, practicamente cincuenta mil. Esa porcentaxe sitúaa no pelotón de cabeza no Estado, e o ministro Salvador Illa confirmaba onte que se primará co reparto de novas doses as comunidades que van máis adiantadas. A Consellería de Sanidade confia en recibir este luns un 57 % das vacinas que chegarían nunha semana normal. É dicir, 10.000 novas doses, 8.000 menos das habituais pola diminución das entregas de Pfizer.

"Neste momento, con este 57 % do que estou falando estamos vendo que reservas tiñamos, porque tiñamos algunha reserva por se chegase este momento. Cremos que facendo algún axuste imos poder vacinar a semana que vén tal cal tiñamos planificado esta segunda dose", sinala a drectora xeral de Saúde Pública da Xunta, Carmen Durán

Máis datos: un 94 % de residentes e traballadores de centros da terceira idade xa recibiron a primeira dose e o persoal sanitario está a piques de ter 20.000 profesionais vacinados. Polo de agora 200 enfermeiras están encargadas de administrar as vacinas, pero poderían ampliarse ata 2.200, todas as de atención primaria. Sanidade di que se chegasen vacinas sen limitacións, nunha situación óptima poderían administrase ata 120.000 doses ao día. "Temos unha capacidade de vacinación inmensa, pero fáltanos que a distribución de vacinas se faga dun xeito regular e segundo o pactado", asegura Carmen Durán.

O proceso de vacinación está completamente en mans de Pfizer polo de agora, xa que as entregas de Moderna serán practicamente testemuñais ata o mes de abril.

Noticias web

17/01/2021