CRTVG

Buscar

Notifican a morte de catorce persoas por covid−19, oito delas da provincia da Coruña

Publicado o 24/01/2021 21:08

• Foron dez homes e catro mulleres, de entre 55 e 87 anos

A única área en que descenden os casos activos é a de Santiago

Notifican a morte de catorce persoas por covid−19, oito delas da provincia da Coruña

A cifra de falecidos polo coronavirus non deixa de medrar. Este domingo notificáronse en Galicia catorce pasamentos pola covid−19 que aumentan ata 1.622 as vítimas mortais da pandemia.

Todos os finados presentaban patoloxías previas; dez eran homes e catro mulleres, e as súas idades ían dos 55 aos 87 anos.

Na Coruña faleceron oito persoas: no CHUAC foron catro homes de 83, 79, 77 e 67 anos e unha muller de 86 anos. As outras tres mortas foron mulleres que faleceron nas súas residencias: unha de 56 anos na Pai Menni de Betanzos, outra de 86 anos na DomusVi de Vimianzo e a terceira, de 87 anos, na residencia DomusVi de Carballo.

No complexo hospitalario de Pontevedra rexistráronse este domingo tres mortes por covid−19: tres homes de 87, 81 e 55 anos respetivamente. Na área sanitaria de Ourense houbo dúas novas vítimas, as dúas homes: un de 67 anos, no CHUO, e outra no hospital de Verín, procedente do Asilo Fogar Santa María.

A última vítima foi outro home que faleceu no CHUVI con 68 anos. Nas áreas sanitarias de Ferrol e Lugo non houbo que lamentar novas mortes.

Tamén continúa o ascenso dos casos activos en Galicia. Este domingo notificáronse 18.992, que supón 706 máis respecto á xornada anterior. Ademais, os novos contaxios ascenden a 1.528. Aumenta tamén a presión asistencial, con oito ingresados máis na UCI e outros 91 en planta. Deste xeito, os hospitalizados xa pasan dos 1.000.

No tocante aos novos casos confirmados por PCR, A Coruña segue á cabeza con 390 e xa supera os 5.000 casos activos. Séguea Vigo con 268 máis e Ourense con 183. 

A repartición por áreas sanitarias 

A Coruña: 5.057 (+231)

Vigo: 3.460 (+111)

Ourense: 2.691 (+123)

Santiago: 2.924 (-23)

Lugo: 1.666 (+121)

Pontevedra: 1.650 (+71)

Ferrol: 1.544 (+72)