CRTVG

Buscar

Fregueses de Damil, en Begonte, recadan cartos para restaurar a capela de San Vitorio

Publicado o 07/02/2020 14:42

A capela de San Vitorio, na parroquia de Damil, en Begonte, está moi deteriorada e os veciños propuxéronse pagar o arranxo do seu peto e coas axudas que poidan recibir. O tellado presenta pingueiras en numerosos puntos e na zona central está fundido parcialmente. Ademais, as vigas de madeira e as lousas teñen moitos anos e precisan ser cambiadas.

Para acometer as obras, os fregueses teñen que xuntar 18.000 euros, polo que piden toda a axuda que se lles poida prestar.

"Contamos que o Concello nos dea 6.000 euros e que xuntemos nós outros 6.000. Co resto non sabemos como imos facer". "Pedimos a quen poida axudarnos. Porque se esto segue así, non tardará en caer a capela".

Os fregueses lembran que esta é unha zona moi milagreira. Así o demostran os numerosos panos que penduran os fieis logo de pasalos polo corpo coa auga da fonte que di a lenda que curou a San Vitorio. Ademais, este carballo recibiu un lostregazo hai máis de 50 anos e segue en pé, segundo os veciños, por obra do santo. Por iso, cren que paga a pena arranxar a capela.

"Vén moita xente á fonte lavar as doenzas cos panos. Non sei se é milagreira, pero eu confío máis na auga ca no santo". "A xente vense lavar e deixa aí os panos a secar. Eu sei de dúas persoas que lles deu resultado".

Os veciños de Damil animan a todos os fieis a achegarse á capela para pedirlle ao santo e a asistir á romaría que celebran no mes de maio. Iso si, confian en ter canto antes os cartos cos que poder acondicionar o templo.

Noticias web

07/02/2020