CRTVG

Buscar

Francia estenderá os confinamentos domiciliarios nas fins de semana nas zonas de alta incidencia

Publicado o 25/02/2021 22:05
Francia estenderá os confinamentos domiciliarios nas fins de semana nas zonas de alta incidencia

Francia, ao contraxeito con algúns países europeos que están a levantar restricións polo descenso dos casos de covid−19, prepárase para aumentalas nos territorios con maior incidencia ante unha dinámica ascendente de contaxios nos últimos días. O primeiro ministro francés Jean Castex puxo hoxe 20 departamentos en que vive arredor do 40 % da poboación do país no que chamou unha "vixilancia reforzada", que prevé aplicar confinamentos domiciliarios as fins de semana a partir do 6 de marzo.

Castex indicou que se a situación empeora nos próximos días se tomarán medidas "caso por caso" como as que xa se anunciaron para as áreas urbanas de Niza ou de Dunkerque, onde o confinamento domiciliario de fin de semana estará en vigor desde o 27 de febreiro.

Eses 20 departamentos, que inclúen os da rexión de París, pero tamén os dalgunhas das grandes urbes francesas como Niza, Marsella, Lille, Metz ou Tolón, caracterízanse por unha taxa de incidencia superior aos 250 casos de covid−19 por 100.000 habitantes en sete días, máis do 50 % dos casos con novas variantes, e un alto nivel de ocupación dos hospitais.

O Concello de París, pola súa banda, pediu que se instaure na cidade un confinamento de tres semanas porque as medidas actuais non son efectivas para facer baixar os contaxios.

Noticias web

25/02/2021