CRTVG

Buscar

Fan un chamamento a doar antes dos festivos de Nadal

Publicado o 17/12/2019 14:23

A maior afluencia de doadores na Illa de Arousa é pola tarde, cando a xente do mar regresa a terra, pero xa pola mañá hai quen se achega a doar. Estamos nun dos concellos con mellor taxa de doazóns, 79 por cada 1.000 habitantes, e aínda que as necesidades son as mesmas durante todo o ano, no Nadal intensifícanse os chamados da Axencia de Doazón. Din que precisan, ao igual ca no resto do ano, entre 400 e 500 doazóns diarias, "pero como hai menos días hábiles de desprazamentos das unidades móbiles, redúcese a participación", puntualiza, desde a Axencia, Ángeles Pazos, por iso fan un chamamento para que se faga ese "agasallo vermello".

O procedemento é seguro, bastante rápido e moi sinxelo. Tras manter unha pequena entrevista médica e comprobar que os niveis de ferro son adecuados, iníciase a doazón. Estefanía Lázaro, enfermeira nunha unidade móbil, explica que a doazón en si "dura entre cinco e dez minutos, ata extraer entre 420 e 460 mililitros de sangue", despois do que o doador se recupera comendo e bebendo algo.

As dez unidades móbiles da Axencia de Doazón percorren todo o territorio galego. Tamén se pode doar en calquera das sete principais cidades.

Noticias web

17/12/2019