CRTVG

Buscar

Fianzas de 30.000 e 15.000 euros para os dous últimos CDR en prisión

Publicado o 10/01/2020 11:26
Fianzas de 30.000 e 15.000 euros para os dous últimos CDR en prisión

O xuíz Manuel García Castellón puxo fianzas de 30.000 e 15.000 euros para poder saír do cárcere a Jordi Ros e Germinal Tomás Abueso, respectivamente, os dous últimos  CDR que quedaban en prisión por delitos de terrorismo tras ser excarcerados en decembro os outros cinco detidos xunto a eles.

O xuíz do caso adoptou esta decisión en senllos autos ao estimar parcialmente a petición de posta liberdade, e cando abonen as respectivas fianzas e queden libres, deberán cumprir outras medidas cautelares como a retirada do pasaporte, prohibición de saír de España ou comparecencias semanais no xulgado de garda máis próximo ao seu domicilio.

O pasado 26 de decembro, a sección segunda da Audiencia Nacional deixou en liberdade baixo fianza de 10.000 euros a Alexis Codina, decisión que coincidiu coa da xuíz María Tardón, en substitución do xuíz do caso Manuel García Castellón, de deixar en liberdade baixo fianza de 5.000 euros a outro dos membros dos CDR encarcerados en setembro, Ferrán Jolis.

Previamente, a sala xa puxera en liberdade a outros tres imputados, Xavier Duch, Xavier Buigas e Eduard Garzón, todos eles baixo fianza de 9.000 euros, tal e como propuxo a Fiscalía co argumento de que non tiveran contacto cos explosivos intervidos a este grupo de CDR, que se autodenominaba Equipo de Resposta Táctica (ERT). 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí