CRTVG

Buscar

Ferrol celebra a Semana Santa de xeito virtual con candeas nas ventás

Publicado o 09/04/2020 20:49

A crise sanitaria causada pola COVID-19 obriga a que a Semana Santa teña que celebrarse doutro xeito, desde o confinamento nas casas. As confrarías ferrolás buscaron alternativas para manter viva a Semana Santa. Utilizando as redes sociais, xa fixeron obradoiros de confección das palmas do Domingo de Ramos para os máis pequenos. Hoxe, coincidindo co que sería a saída das grandes procesións, lanzaron outra proposta.

"A partir de hoxe, que empazamos o triduo pascual, que coloquen nas ventás unha candea prendida un pouco en recordo do que van ser os días grandes da Semana Santa", di o presidente da Xunta Xeral de Confrarías de Ferrol

Tamén a través das redes sociais retransmiten as procesións doutros anos para que quen o desexe, desde calquera lugar, poida unirse á Semana Santa ferrolá. Pero á parte da devoción, outra cuestión son as perdas económicas que vai supoñer a suspensión da Semana Santa.

"Porque non saia unha procesión doe, pero hai moita xente, sobre todo o pequeno comercio, a hostalería, que fixo investimentos e que non vai recuperar e á parte a xente que ía vir á Semana Santa e que non veu, por razóns lóxicas, deixa de facer gasto".

A Semana Santa ferrolá está declarada de Interese Turísitco Internacional. As previsións apuntaban que se achegarían a Ferrol durante esta Semana Santa unhas trescentas mil persoas e estímase que deixarían 40 millóns de euros. As confrarías non desbotan celebrar algunha das procesións o próximo mes de outubro.


 

Noticias web

09/04/2020