CRTVG

Buscar

Feridos dous traballadores do Instituto Cervantes de Beirut nas explosións

Publicado o 06/08/2020 03:16
Feridos dous traballadores do Instituto Cervantes de Beirut nas explosións

Dous membros do persoal de seguridade do Instituto Cervantes de Beirut, situado no centro da capital, quedaron feridos nas explosións rexistradas no porto da cidade, segundo informou a Efe a directora do centro, Yolanda Soler-Onís.

As explosións "impactaron contra o garda de seguridade e contra un policía", ambos de nacionalidade libanesa, segundo asegurou a directora, que marchara unha hora antes. Un deles estaba á espera de ser operado dunha fractura nunha perna, mentres o outro sufríu cortes na man pola rotura dos cristais debido á onda expansiva.

Membros da Garda Civil da Embaixada española trasladáronse ao centro para axudar, indicou Soler-Onís, xa que o edificio sufriu graves danos materiais. "Con motivo do confinamento, os estudantes retomaron desde o pasado xoves as clases en liña e nese momento non había ningún no inmoble", indicou a directora, que agregou: "É un milagre". "O plan é seguir coas clases en liña e empezar a reconstruír o Instituto", dixo.

Este mércores foi o primeiro día de loito nacional no país. O Consello Supremo de Defensa declarou Beirut "zona catastrófica".