CRTVG

Buscar

Ferida unha muller tras caer co seu coche a vía do tren en Redondela

Publicado o 28/05/2020 14:43

Espectacular accidente esta mañá en Redondela. Unha muller resultou ferida tras caer co seu coche á vía do tren, á altura da parroquia de Cesantes. A pesar da aparatosidade do accidente, a condutora, que tivo que ser liberada polos bombeiros, só sufriu feridas leves.

A frase máis repetida polos veciños foi que salvou a vida de milagre. A condutora do vehículo circulaba dende a praia de Cesantes cara ao centro de Redondela e, segundo testemuñas presencias, perdeu o control do coche cando intentaba evitar a colisión cunha furgoneta de Correos. Como consecuencia da manobra bateu tamén contra un colector e acabou caendo á vía do tren. Curiosamente o coche quedou apoiado sobe as catro rodas.

Foi un veciño da zona o que alertou os servizos de emerxencias. Ata o lugar do suceso acudiron a Policía Local, a Garda Civil e os bombeiros de Vigo e do Morrazo, que tiveron que sacar a muller pola porta do maleteiro do vehículo.

Despois de case catro horas, e tras un complicado traballo dos operarios, o vehículo xa foi retirado da vía do tren.

Noticias web

28/05/2020

Máis sobre Redondela