CRTVG

Buscar

Feijóo: "Poderá gustar máis ou menos, pero calquera demócrata debe acatala"

Publicado o 14/10/2019 13:26

• En Marea, BNG e Grupo da Esquerda cualifican a condena como abusiva

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este luns que a sentenza do Tribunal Supremo que condena a penas de 9 a 13 anos de prisión os convocantes dunha consulta independentista en Cataluña "poderá gustar a uns máis e a outro menos, pero é preciso acatala".

A decisión xudicial "poderá parecer moi dura a uns e menos a outros, pero é a do Tribunal Supremo, e iso significa que calquera demócrata debe acatar a sentenza", sinalou o presidente galego, engadindo que iso debe incluír tanto "os condenados" como "os políticos".

Feijóo fixo estas declaracións tras participar nun acto de promoción do ano xacobeo 2021 na capital galega e incidiu en que o ditame foi por "unanimidade".

Na súa opinión, "os políticos non poden quedar impunes á lei", nin os presidentes autonómicos nin os integrantes dos seus executivos ou os presidentes de parlamentos; "se delinquen son condenados, e iso reconcílianos coa igualdade de todos os cidadáns ante a lei", continuou.

Para Feijóo, a sentenza abre agora "un período para falar, reflexionar sobre que ocorreu para que non volva ocorrer e para unir outra vez a sociedade catalá e a española coa política: se un político a fai, págaa".

Nese sentido, considerou que a sentenza supón, ademais, "un aviso moi claro de que aquí non hai cidadáns de primeira nin de segunda".

Feijóo apelou ao cumprimento das leis e destacou que, como presidente autonómico, saúda "moi claramente uns maxistrados que tiveron a tranquilidade, a fiabilidade e a profesionalidade de ditar unha sentenza por unanimidade que afecta colegas seus".

O presidente galego rexeitou que se fale de "problema catalán", xa que "así lle chaman algúns políticos" xa que, na súa opinión, "o que hai é que algúns partidos non asumen a lexislación catalá".

Así, "se hai votos suficientes para cambiala poderase cambiar, pero non é un problema cumprir a Constitución e o Estatuto, é unha obrigación", aseverou, e insistiu en que en Cataluña "hai políticos que infrinxiron todos os códigos de convivencia: a Constitución, o Estatuto e o Código penal".

Tamén pediu que a sentenza contribúa a "construír o futuro sobre a experiencia que deu o pasado" e animou os políticos cataláns a participar na construción dese futuro porque "non poden impoñer de forma ilegal a convivencia nunha parte de España, como é Cataluña".

O PSdeG pide respecto para a sentenza

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou este luns o seu repecto cara á sentenza sobre o proceso soberanista publicada esta mañá e chamou a manter "canles de diálogo" que permitan alcanzar "solucións políticas".

Na súa comparecencia ante os medios, Caballero recalcou a importancia "de respectar o Estado de dereito e o marco constitucional" e, nesta liña, apuntou que os comportamentos fóra dos mesmos "teñen que ser verificados e analizados polos tribunais de xustiza".

O BNG "rexeita" a sentenza e pide "rectificación política"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, expresou o rexeitamento da formación nacionalista a unha sentenza "inxusta e desproporcionada" do Supremo contra varios líderes do procés e pediu "unha rectificación política" ao Goberno que saía das urnas o 10-N.

"Todo o que pasou, incluída a filtración da sentenza, evidencia que os presos cataláns non tiveron un xuízo xusto e imparcial desenvolvido coas máis mínimas garantías: a sentenza estaba escrita antes de comezar", sentenciou Pontón.

En Marea advirte de que "non vai solucionar o problema político"

O deputado do Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, Pancho Casal, asegurou este luns que En Marea sostén que a sentenza do Supremo "non vai solucionar o problema político". "As ansias democráticas dun país non se poden resolver nos tribunais, teñen que resolverse por medios políticos", sinalou nunha conferencia de prensa ofrecida na Cámara, en que apuntou que "En Marea nunca cambiou a súa postura desde o inicio do conflito".