CRTVG

Buscar

Feijóo comprométese a fixar a nova data electoral tras escoitar os partidos

Publicado o 17/03/2020 18:49

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse cos principais partidos políticos en Galicia a oílos para tentar buscar un acordo antes de fixar unha nova data electoral. Segundo informou Núñez Feijóo, candidato á reelección polo PPdeG, este é o compromiso que subscribiu cos líderes destes partidos, cos que falou por videoconferencia por segundo día consecutivo, e que será recollido no decreto que aprobe mañá o Goberno galego para deixar sen efecto as eleccións do 5 de abril.

A pesar dun borrador previo que establecía algunhas concrecións temporais, o decreto "limpo" que finalmente aprobará mañá a Xunta, que enviará á Xunta Electoral para o seu visto e prace, unicamente recollerá que se celebrarán "o máis pronto posible" desde que se levanten o decreto de alarma e o estado de emerxencia sanitaria en Galicia e tras "oír" os partidos políticos.

Na videoconferencia con Núñez Feijóo participaron Gonzalo Caballero (PSdeG); Antón Gómez-Reino (En Común- Anova-Mareas); que hoxe comunicou que deu positivo por coronavirus; Ana Pontón (BNG) e Beatriz Piñeiro ( Cs), candidatos á Presidencia da Xunta polos principais partidos en Galicia, así como o portavoz do PPdeG no Parlamento galego, Pedro Puy. Núñez Feijóo pediu "perdón solemnemente" aos galegos por ter que falar de cuestións electorais, xa que se mostrou convencido de que é un tema que aos cidadáns neste momento non lles interesa, aínda que a inminencia do inicio da campaña electoral ás doce da noite do venres obriga a desconvocar os comicios do 5 de abril e a facelo coa maior seguridade xurídica.

Na súa intervención insistiu en que para a Xunta estas eleccións están "desconvocadas desde hai moito tempo", polo menos desde a declaración da emerxencia sanitaria polo Goberno galego e máis, se cabe, desde o estado de alarma decretado polo Executivo central. Esta mañá circulou un borrador de decreto que establecía un prazo mínimo de dous meses desde a fin do estado de alarma para a convocatoria electoral e tamén prevía que entre mediados de xullo e de setembro non se puidesen celebrar os comicios. Núñez Feijóo non corroborou estas datas e explicou que nun borrador inicial incluíronse demandas feitas polos grupos na reunión de onte, aínda que a versión definitiva que aprobe mañá a Xunta será un decreto "limpo" destas cuestións para evitar reparos de legalidade que puidese facer a Xunta Electoral, que terá que ver o texto antes da súa aprobación.

Tamén está pendente que se poida retomar o proceso electoral no momento en que se abandona, como pretenden a Xunta e os partidos, e non volver ao prazo de 54 días como ocorrerá no País Vasco. Con todo esta cuestión tamén suscita dúbidas, xa que de manterse pechado o prazo de candidaturas, listas, coalicións e demais, habería persoas que cando se celebren as eleccións, independentemente da nova data -en próximos meses-, si poderían participar, mentres que non o poderían facer se se celebrasen o 5 de abril. Por tanto, serán cuestións que se trasladen con posterioridade á Xunta Electoral.

Núñez Feijóo insistiu en que os comicios se convocarán "coa maior inmediatez posible -levantados os estados de alarma e emerxencia sanitaria- oídos outra vez os partidos", unha cuestión que en circunstancias ordinarias non é precisa, pero que neste momento considera "prudente e aconsellable". Na súa intervención considerou que o estado de alarma decretado polo Goberno é a base xurídica que os habilita tanto a el como ao lehendakari, Íñigo Urkullu, con quen volveu a falar esta mañá, para desconvocar unhas eleccións xa convocadas, algo inédito. "O propio estado de alarma imposibilita absolutamente a celebración de eleccións porque a xente está confinada na súa casa; non pode exercer o seu dereito ao voto e non se pode obrigar a ninguén a constituír as mesas electorais; ademais da cuestión que implicaría a desinfección de papeletas, urnas, cabinas...", sinalou.