CRTVG

Buscar

Feijóo asegura que as cifras do sector vitivinícola galego demostran que "o rural ten futuro"

Publicado o 21/09/2020 17:04

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a rendibilidade do sector vitivinícola galego, cunha calidade superior da uva cultivada nesta vendima e unha produción total ao redor dos 60 millóns de quilos, demostra que o rural en Galicia "ten futuro e potencial para albergar empresas".

Durante unha visita aos viñedos e as instalacións das adegas Revtoral de Amandi, en Sober, Feijóo subliñou que as cifras deste ano reflicten, novamente, a rendibilidade do sector, con máis de 13.000 viticultores e 450 adegas, cunha facturación de 200 millóns ao ano e cunha gran vocación exportadora: 1 de cada 5 botellas das cinco denominacións de orixe saen de Galicia cara a distintos países.

Nesta liña, referiuse a Rectoral de Amandi como "un exemplo da aposta polo rural, pola calidade do produto e por aproveitar todas as facetas do sector", como o turístico, con visitas guiadas para aquelas persoas interesadas en aprender máis sobre o proceso de elaboración e coñecer a paisaxe única onde se enclava esta adega, na Ribeira Sacra.

Con respecto á vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra, resaltou que "xa levan recollidos 1,3 millóns de quilos de uva, baixo a previsión de chegar ata os 5 millóns de quilos, e cunha calidade sanitaria e grao de maduración de uva cultivada ata o de agora moi boa".

Durante a súa intervención, Feijóo tamén lembrou que "o compromiso da Xunta co sector", como o "poñen de manifesto os máis de 7 millóns de euros investidos no período 2019-2020, para a reestruturación e reconversión de viñedos, para a elaboración e comercialización e para a promoción en terceiros países". "E temos en marcha tamén unha estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia", lembrou, unha actuación conxunta da Administración autonómica cos sectores vitivinícola e do turismo, para reforzar a dimensión internacional, turística e territorial do viño galego.

O presidente do Goberno galego concluíu poñendo en valor "a profesionalidade do sector" para afrontar a vendima nas mellores condicións de seguridade posibles ante a covid-19, coa realización de probas de cribado a unha alta porcentaxe de xornaleiros.

Noticias web

21/09/2020