CRTVG

Buscar

Fanse pasar por sanitarios para asaltar dous anciáns en Vigo

Publicado o 10/04/2020 14:23

Os dous homes que busca a policía presentáronse á noitiña na vivenda da parella, de 79 e 80 anos de idade. Vestían roupa branca, chalecos reflectores e supostos equipos de protección, ían preparados para se facer pasar doadamente por persoal sanitario.

Neste contexto de loita contra a pandemia, foilles sinxelo acceder á vivenda, situada na Travesía de Vigo, porque aseguraron que lles ían facer entrega duns medicamentos. Unha vez no interior do piso, subministráronlles unhas pílulas, que resultaron ser sedantes, e cos que o matrimonio depuxo calquera resistencia. Cando xa estaban indispostos, os asaltantes atáronos e, con ameazas, conseguiron que lles revelasen onde gardaban os cartos. Cando os conseguiron, abandonaron o domicilio. O home puido liberarse e chamou o 112, que deu aviso á Policía Nacional e aos sanitarios. Por mor do efecto das drogas e do impacto do asalto, ambos os dous foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O xulgado de instrución número 2 da cidade xa se fixo cargo do caso.

Noticias web

10/04/2020