CRTVG

Buscar

Falece un home de 58 anos nun accidente mortal no Páramo, Lugo

Publicado o 14/05/2020 17:16

A vía de altas prestacións que une Lugo con Morforte rexistrou de novo un sinistro de tráfico mortal. Os vehículos implicados foron un camión e unha furgoneta que colidiron frontalmente neste punto do quilómetro doce, á altura do concello do Páramo. O condutor do camión puido saír polo seu propio pé e resultou ferido leve mentres que o da furgoneta faleceu practicamente no acto e cando chegaron os servizos sanitarios só puideron certificar a súa morte.

A vítima é un veciño de Samos de 58 anos que, debido á aparatosidade da colisión, quedou atrapado entre os cascallos da furgoneta que conducía e tivo que ser liberado polos bombeiros de Sarria.

Axentes da Garda Civil de Tráfico cortaron durante uns minutos a circulación e regularon despois o paso de vehículos pola zona. Ademais un equipo de atestados realizou as medicións correspondentes para tratar de esclarecer como se produciu o accidente.

 

 

Máis sobre O Páramo