CRTVG

Buscar

Falece ao caerlle enriba unha árbore que cortaba

Publicado o 28/05/2019 15:02

Un veciño de Cartelle faleceu despois de que lle caera enriba unha árbore mentres cortaba leña nun monte preto da súa casa. Tiña 54 anos e, segundo contan os veciños, todo foi un fatal accidente, xa que o home estaba afeito a realizar este tipo de traballos.

É a segunda persoa que falece na provincia de Ourense por esta causa en menos dunha semana. Foi neste monte preto da aldea de Santa Cateliña, no concello de Cartelle, onde aconteceu o fatal accidente. O home, de 56 anos, estaba a cortar uns piñeiros para leña á primeira hora da mañá. Ninguén sabe moi ben o que puido acontecer, pero unha das árbores véuselle enriba.

O acontecido sorprendeu os veciños. Din que o home estaba afeito a realizar este tipo de traballos.

O lugar en que estaba a traballar non é unha zona moi frecuentada. Con todo, un familiar que o acompañaba puido avisar os servizos de urxencia. Foron ata alí efectivos de Protección Civil de Cartelle e persoal do centro de saúde, pero xa non puideron nada por salvarlle a vida.

É o segundo accidente destas características que se produce na provincia de Ourense en menos dunha semana. O pasado venres outro home faleceu mentres cortaba leña no monte de San Trocado, no concello de Cenlle.

Noticias web

28/05/2019