CRTVG

Buscar

Falece home tras ser rescatado en helicóptero do mar

Publicado o 07/10/2019 08:04

O informe do 112 sinala que foi contra a media tarde cando alguén que estaba nesta praia da zona do Ancoradoiro alertou de que na auga había unha persoa en apuros. Desprazouse ao lugar o equipo de Salvamento do helicóptero Helimer. Axiña localizaron o bañista, sacárono da auga e, no mesmo medio, trasladárono ao hospital de Cee, onde morreu aos poucos minutos.

Segundo contou un residente na zona, a vítima, de nome Antonio, mariñeiro e duns sesenta anos de idade, residía no lugar da Gándara, no concello de Carnota, e moi preto da praia de Lariño onde tivo lugar o incidente. Saíu ao areal e decidiu bañarse, a pesar de que onte o mar estaba especialmente perigoso nesta zona que xa de por si supón bastante risco para os bañistas.

Isto e o feito de que a vítima fose un experimentado home de mar fan que para o noso informante sexa difícil de comprender que se botara á auga nesas circunstancias. Nun momento dado viuse en apuros, supostamente, porque a corrente lle impedía saír, e empezou a acenar para que o axudaran. Na praia había persoas paseando e foi unha delas quen alertou os servizos de urxencia. Puideron sacalo da auga, pero reanimalo xa non foi posible.