CRTVG

Buscar

Morreu o pintor Juan Genovés, autor de 'El abrazo', símbolo da transición

Publicado o 15/05/2020 18:32

O artista Juan Genovés faleceu esta madrugada aos 89 anos de morte natural, segundo confirmaron fontes da Galería Marlborough, que o representaba. 

Genovés (Valencia, 1930), faleceu nun hospital madrileño acompañado pola súa familia e os seus seres queridos e estivo traballando ata os seus últimos días

A súa traxectoria estivo vinculada desde as súas orixes ao compromiso político e social e é un dos pintores españois con máis renome internacional

'El abrazo', a súa obra máis coñecida, é un símbolo da concordia da época da transición, pola súa chamada á reconciliación de todos os españois. 

Genovés sempre creu no poder transformador da arte e o seu carácter estivo marcado por unha enerxía creativa inesgotable. Formou parte de colectivos moi significativos na España de posguerra: Los Siete (1949), Parpallós (1956) e Hondo (1960).

A súa obra atópase en coleccións de museos de todo o mundo como o MOMA, o Guggenheim de Nova York, The Art Institute  of Chicago, o IVAM, a Galeria Nazionale d'Arte Moderna de Roma, ou o Museo Reina Sofía.

Foi galardoado co Premio Nacional de Artes Plásticas (1984) e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2005), entre outros galardóns.

A morte levou a Juan Genovés a piques de facer os 90 anos. Foi un neno da guerra e un artista comprometido que retratou coma ninguén o medo na represión da ditadura. Pero era tamén un home de fe, de fe no poder transformador da arte.

"Cunha ilusión tremenda de cambiar o noso mundo e unha desilusión despois de ver que non cambiamos nada. Porque a cultura non cambia nada, pero sempre hai unha esperanza, sempre hai que buscar a esperanza, de verdade", relataba hai uns anos nunha entrevista ao programa Zig Zag de Televisión de Galicia.

Quizais por iso nos deixou como agasallo 'O abrazo' ,símbolo da concordia na época da transición, a súa obra máis icónica e coñecida.

A partir dos anos 80 entregou a súa arte á loita pola paz.

"Somos uns bechos moi raros, facemos cousas moi raras, repetimos a guerra, por exemplo, que é unha cousa tan estúpida, tan inhumana, tan absurda e volvémola repetir. E dicimos que este milenio vai ser diferente e resulta que é peor ca o outro", reflexionaba naquela entrevista.

Marchou o pintor das multitudes, do home só en sociedade. Podería dicirse que sempre pinto o mesmo cadro, aseguraba Genovés. Pinto o medo e a soidade do ser humano. Non hai maior soiedade ca a que se vive en compañía.