CRTVG

Buscar

Fai nove anos de que a ETA anunciou que deixaba de matar

Publicado o 20/10/2020 20:10

Era o 20 de outubro de 2011. A banda terrorista ETA anunciaba o cesamento definitivo da súa actividade armada. A ETA deixaba de matar sen condicións a cambio, afogada pola presión das forzas de seguridade, tras o fracaso do proceso de diálogo co Goberno central, e co rexeitamento, cada vez maior, da cidadanía.

A banda terrorista tardou aínda sete anos en anunciar a súa disolución total e entregar as armas. Foi en maio de 2018. Atrás quedaba unha das etapas máis sanguentas da historia de España: 50 anos de terror, con centos de atentados terroristas por todo o territorio que deixaron, oficialmente, 826 vítimas mortais.

Case unha década despois, o que queda da ETA está nos cárceres. En prisións españolas hai 192 presos relacionados coa actividade etarra, e 32 están nas de Francia. En Euskadi séguense celebrando homanaxes públicas a membros da banda excarcerados, e a longa sombra da organización terrorista segue no debate político e social.

Algúns expertos chámanlle a herdanza da ETA. Fronte a ela, a banda terrorista tamén se enfronta á desmemoria. Unha enquisa acaba de confirmar que a metade dos españois non sabe tan sequera que desapareceu. Sete de cada dez non sabe quen é Ortega Lara, e seis de cada dez mozos non coñecen a Miguel Ángel Blanco.

Noticias web

20/10/2020