CRTVG

Buscar

Regueiro de incidencias polo temporal en toda a provincia de Pontevedra

Publicado o 21/12/2019 21:17

A borrasca Fabien, especializada en ventos furacanados en mar e terra, está a provocar un regueiro de incidencias en toda a provincia de Pontevedra. Un deses refachos foi o que fixo voar polos aires o tellado dunha vivenda que está sendo reformada neste lugar do Outeiro, na parroquia pontevedresa de Lérez.

A sorte quixo que non houbese xente na casa cando o vento arrincou o teito, que tan só levaba un ano posto. Nesta e nas lindeiras só hai danos materiais, unha imaxe impactante e un susto dos grandes que aínda vai durar uns cantos días. Tampouco houbo feridos no derrubamento de cascallos dunha fachada en Vilagarcía de Arousa. E a isto hai que sumar o herdo de Elsa, en forma de asulagamentos que persisten no Salnés, Tomiño, Ponteareas, Tui e Salvaterra, onde o Miño medrou sete metros.

Deste tren de borrascas que non nos deixa poñer lavadoras a peor parte lévana os mariñeiros, que encadean moitas semanas co traballo baixo mínimos. A frota amarrada parece unha foto fixa en peiraos como o de Bueu.

Os desprendementos, a caída de árbores, pólas, cables e postes son os principais efectos do temporal, que tamén provocou accións preventivas, como a retirada das cestas da noria de Vigo. Se mañá o vento amaina, volverán ser repostas para que a atracción retome o seu funcionamento normal.

Noticias web

21/12/2019