CRTVG

Buscar

Exposición de Graciela Iturbide na Fundación Barrié

Publicado o 06/11/2018 18:12

Na sede da Fundación Barrié de la Maza da Coruña atopamos a alma dun México ao que nos conduce a obra da fotógrafa Graciela Iturbide.
Trátase dunha artista popular e recoñecida, autora de obras como Nuestra señora de las Iguanas, convertida xa nunha icona do país.
Falamos dunha muller que concibe a fotografía coma un lugar de coñecemento.

Graciela Iturbide, fotógrafa: "Eu sempre dixen que a vida que retrao foi o que me formou espiritualmente. A cámara é un pretexto para coñecer a vida".

Comezou no cinema. Procede dunha familia da alta burguesía, mais o seu proceso de creación lévaa a convivir cos seus retratados. Un xeito de entender outras realidades de México, como é o caso desta serie Mulleres Juchitán, resultado de anos de convivencia coa comunidade retratada.

Carlos Gollonet, conservador da colección: "Ela é moi simpática, moi próxima. Non o fai por conseguir estas fotografías. Faino porque e a súa maneira de ser e estar no mundo".

Na exposición inclúense unhas imaxes especiais. A serie sobre o cemiterio de Guanajuato, onde captou o enterro dun meniño e a morte se cruzou no seu camiño.

Graciela Iturbide, fotógrafa: "Os rituais e sacrificios da morte son esenciais na miña obra. Porque Méxioco e un lugar onde se xoga, onde se morrer pero onde a xente está afeita a xogar coa morte".

Ali comeza a fotografar paxaros, unha experiencia mística inspirada nos versos de San Xoán da Cruz.
Nas últimas fotografías, os retratos dan paso ás paisaxes, ou aos obxectos atopados. Unha desolación percorre as imaxes de desertos e chairas de México e o sur dos Estados Unidos.
Unha serie moi especial e a dedicada ao baño de Frida Khalo, en que retrata esa estancia íntima da pintora na súa casa de Coyoacán.
Logra unha presenza na ausencia.
Iturbide é unha artista máis preocupada pola violencia no seu país ca pola súa proxección persoal.

Graciela Iturbide, fotógrafa: "Non son a fotógrafa más importante de América Latina. Á xente parecello e dío, moitras grazas, pero o único que podo dicir é que eu teño paixón por todo o que fotografío. Como lles dixen: saio coa miña cámara, é un pretexto para coñecer a vida, para sentirme ben, para ter complicidade coa xente e para tratar de ter boas imaxes".

Graciela Iturbide, na Fundacion Barrié da Coruña. A exposición mostra 156 fotografías, dende a súa primeira obra, esta prostituta do Museo de Cera, ata as viaxes pola India, España ou os Estados Unidos. Un paseo en imaxes no cal a poesía se mestura coa documentación e a metafísica coa vida cotiá, que ás veces linda co xenuíno surrealismo da súa cultura. As fotografías de Graciela Iturbide traen a Galicia o corazón de México.






















 

Noticias web

06/11/2018