CRTVG

Buscar

Expedientan o médico andaluz ao que colleron roubando 300 máscaras

Publicado o 27/02/2020 20:59

O servizo andaluz de saúde abriulle expediente a un médico do hospital Virgen de la Victoria de Málaga. Sorprendérano intentando roubar 300 máscaras con filtro. Son do modelo profesional máis caro, pero el negou que pensara facer negocio con elas. Dixo que as ía repartir entre os seus achegados.
Tamén botaron en falta este tipo de material nun hospital valenciano.

"Ben, isto non ten máis explicación que o medo, o pánico ao descoñecido porque as máscaras non nos fan falta de maneira xeral", explica a directora de atención especializada do hospital.

Quen si as precisa é o persoal sanitario e os coidadores en contacto con doentes en illamento. E tamén persoas con determinadas alerxias ou inmunodeprimidas que estes días están tendo problemas para mercalas. Amazon xa investiga a suba esaxerada de prezos destes produtos a través da súa plataforma, máscaras médicas que pasaron dos once aos 90 euros unidade. Os sanitarios insisten en que para evitar contaxios é máis útil lavar a miúdo as mans con auga e xabón ou cunha solución hidroalcólica.


 

Noticias web

27/02/2020