CRTVG

Buscar

Evo Morales regresa a Bolivia un ano despois cun masivo recibimento

Publicado o 09/11/2020 17:17

Evo Morales volveu este luns a Bolivia cando falta pouco para que faga un ano da súa abrupta saída do país denunciando que era forzado por un golpe de estado. Morales cruzou desde A Arxentina a fronteira na localidade boliviana de Villazón, onde lle esperaba un multitudinario recibimento.

O expresidente boliviano foi despedido cun acto masivo na Quiaca, no lado da Arxentina, país en que estivo desde o pasado 12 de decembro previo paso por México tras deixar un mes antes Bolivia, onde volve un día despois de que retomase o poder o seu partido, o Movemento ao Socialismo, (MAS). Ao acto asistiu o presidente arxentino, Alberto Fernández, quen o despediu antes de cruzar a Bolivia, onde iniciará unha caravana ata chegar o mércores a Chimoré.

Chimoré foi o lugar desde o que o 11 de novembro de 2019 saíu cara a México, tras anunciar o día antes que renunciaba á Presidencia de Bolivia forzado, segundo dixo, por un golpe de estado no medio de presións de militares e policías, entre outras. Evo Morales fora declarado vencedor das eleccións de outubro dese ano para un cuarto mandato consecutivo, pero logo foron anuladas entre denuncias de fraude ao seu favor, que sempre negou

Morales regresou acompañado de quen foi o seu vicepresidente durante os seus case 14 anos no poder, Álvaro García Linera, e varios exministros da súa etapa á fronte de Bolivia. O exmandatario volve ao seu país un despois de que o MAS recuperara o poder con Luís Arce como novo presidente de Bolivia, tras gañar as eleccións xerais do mes pasado cunha ampla maioría do 55,1 por cento dos votos. Ademais, a Xustiza boliviana retirou días atrás unha orde de aprehensión que pesaba na súa contra, nun dos procesos xudiciais iniciados a pedimento do anterior Goberno interino de Jeanine Áñez, aínda que aínda seguen abertas varias causas.

Noticias web

09/11/2020