CRTVG

Buscar

Evacuadas as casas próximas ao incendio da Palma que segue sen control

Publicado o 21/08/2020 23:18
Evacuadas as casas próximas ao incendio da Palma que segue sen control

O Cabido da Palma ordenou a evacuación dun grupo reducido de veciños das zonas próximas ao lugar onde esta tarde se declarou un incendio forestal no municipio de Garafía, na Palma, que segue sen ser controlado.

Trátase de veciños dos barrios de Catela e Colmenero, no municipio palmeiro de Garafía, que, segundo informa o Cabildo, foron evacuados como medida preventiva. O lume comezou pasadas as seis da tarde no barrio de Catela, nunha zona de piñeiral e barrancos e durante a tarde traballaron helicópteros do Grupo de Emerxencias e Salvamento do Goberno das Canarias e o Kamov do Ministerio de Transición Ecolóxica con base nos Rodeos, en Tenerife.

Estes medios aéreos reforzaron desde o aire os labores de extinción en que participan por terra brigadas forestais, bombeiros, efectivos do servizo de extinción de incendios do Cabido da Palma e a Policía Local, entre outros. O Cabido de Gran Canaria anunciou que mañá enviará á Palma varios equipos de loita contra incendios.

O presidente do Cabido da Palma, Mariano Hernández Zapata, explicou que o obxectivo dos traballos de extinción é que o lume non acceda ao barranco de Briesta porque a situación volveríase máis complexa. Polo de agora, o Cabido da Palma mantén as competencias nos labores de extinción aínda que valorará a súa cesión ao Goberno das Canarias co paso do nivel 1 ao 2 dependendo da evolución do lume.