CRTVG

Buscar

Euskadi declarará o luns a emerxencia sanitaria sen novos confinamentos

Publicado o 15/08/2020 13:35

O goberno de Urkullu ultima este sábado os detalles do estado de emerxencia para o País Vasco ante a evolución crecente do coronavirus na comunidade. Aínda que vai entrar en vigor o luns, os detalles non se coñecerán ata o martes.

Os obxectivos centrais son dous: "En primeiro lugar, e sobre todo, evitar tensionar o sistema de saúde, afastarnos de calquera posibilidade de colapso sanitario. En segundo lugar, por suposto, evitar un segundo confinamento como o que vivimos en marzo e abril", sinalou a conselleira vasca de Saúde, Nekane Murga.

O aumento de casos en Madrid tamén está a xerar cambios estratéxicos. A presidenta da comunidade, Díaz Ayuso, pedía hoxe que o Goberno de Sánchez centralice as medidas de referencia na loita contra o virus: "Cada comunidade autónoma está loitando sen cuartel para facelo o mellor posible, pero como país necesitamos unha única estratexia para aplicar estas medidas, para saber como aplicar os peches e o tema dos confinamentos"

En Cataluña arrinca hoxe o cribado masivo de tests en áreas de Barcelona, ao tempo que a Generalitat comuncaba 1.120 novos casos e seis mortos nun día. Supera de novo a barreira psicolóxica dos mil positivos nunha xornada. Malia iso, baixa lixeiramente o número de hospitalizados, que se sitúa en 557.

Por certo, o maior touroperador europeo, TUI, cancela todas as viaxes organizadas a España despois da recomendación de Alemaña de no viaxar ao país, agás ás Canarias, polo elevado índice de contaxios. Desde hoxe só mantén os itinerarios precisamente ás illas  Canarias e ofrece o regreso anticipado dos cidadáns xermánicos que estean gozando das vacacións en territorio español.
 

Noticias web

15/08/2020