CRTVG

Buscar

Europa, acosada polo virus, tenta harmonizar a súa resposta

Publicado o 24/03/2020 07:49
Europa, acosada polo virus, tenta harmonizar a súa resposta

Nun paso sen precedentes na loita contra unha enfermidade, Italia paralizou este luns toda a actividade produtiva non esencial ante o continuo aumento de contaxios de COVID-19, que xa supera alí os 6.000 mortos. En España, segundo país mais afectado en Europa, a unidade de acción contra o virus está a verse arrastrada polas distintas velocidades.

Italia, que marca o termómetro da evolución da pandemia no vello continente, revelou un aumento de 602 mortos en apenas 24 horas. Pero esa cifra dramática inclúe tamén outra lectura: é a segunda vez que decrecen os falecementos.

A economía europea, que por primeira vez na súa historia activou este luns a "cláusula de salvagarda" das súas regras fiscais, e tamén os organismos internacionais, puxéronse a adoptar medidas flexibles que permitan a cada país afrontar esta crise que pode decimar a poboación e, con seguridade, poñerá a estrutura produtiva ante un dos seus retos mais esixentes desde a Segunda Guerra Mundial.

No fragor da loita que cada país vai librar contra o coronavirus, a ONU pediu case un imposible. O secretario xeral da organización, António Guterres, demandou un "cesamento do fogo mundial" que deteña todas as guerras para axudar a facer fronte ao coronavirus.

"O noso mundo enfróntase a un inimigo común: o COVID-19", defendeu Guterres nunha conferencia de prensa en que subliñou que é momento de parar todos os conflitos para centrarse na "verdadeira loita das nosas vidas".

O xefe de Nacións Unidas dixo que os países afectados por guerras, con sistemas de saúde destruídos e con multitude de desprazados e refuxiados, serían especialmente vulnerables ao virus.

A resposta é global, pero as velocidades moi distintas

As distintas velocidades na resposta europea ao virus que aplica cada país, mesmo dentro da Unión Europea, están a avivar as críticas e as polémicas.

Quizais una das máis rechamantes produciuse no Reino Unido, onde un estudo do University  College of London, a Universidade de Cambridge e Health Data Research sostén que a estratexia do Goberno británico fronte ao coronavirus podería causar entre 35.000 e 70.000 mortes máis durante o próximo ano e que as medidas adoptadas ata o de agora “non van suficientemente lonxe” para parar a expansión do virus ou identificar os grupos de alto risco máis vulnerables.

En Italia, ante o continuo crecemento dos contaxios no país, que superan os 50.400 casos e os 6.077 mortos, o Goberno italiano anunciou o sábado un decreto, que entrou en vigor este luns, que determina o peche das actividades produtivas non esenciais como pediran en moitas rexións ante o gran número de persoas que aínda circulan para ir traballar.

España, que dentro de Europa segue a Italia no tocante a número de vítimas mortais polo coronavirus, con 2.182 falecidos e mais de 33.000 contaxiados, acaba de prolongar en dúas semanas, ata pasadas as vacacións de Semana Santa, o período de confinamento nos fogares para frear a propagación do virus, pero non paralizará totalmente a actividade económica, polo momento, como fixeron países como Italia.

Dinamarca súmase tamén á imposición de dúas semanas nas medidas restritivas, segundo anunciou a primeira ministra, Mette Frederiksen.

Francia, con 860 mortos e 19.856 casos confirmados, debate a posibilidade de prolongar o confinamento inicial, previsto ata o 31 de marzo, pero o Consello de Estado non se expón polo momento ao denominado "confinamento total". Alemaña comunicou 115 mortos e preto de 28.000 contaxiados e impón medidas cada vez máis estritas para frear o virus.

As distintas velocidades son aínda máis perceptibles se se observa a fotografía global. Mentres cen millóns de cidadáns estadounidenses teñen orde estrita de permaneceren na casa, e en Nova York só poden funcionar os negocios máis esenciais, en Australia está a producirse agora o peche dos lugares de reunións e de culto.

Latinoamérica tamén mostra diferentes velocidades, xa que nuns países os casos detectados se contan por ducias e noutros por milleiros. México, por exemplo, prepara decenas de hospitais, ante a previsión de que a epidemia de coronavirus alcance masivamente a poboación.

A China decidiu adoptar medidas máis estritas nas aduanas polos casos de coronavirus chegados desde o exterior, que seguen á alza. No interior do xigante asiático, o número total de mortes rexistradas este luns ascende a nove, o cal supón o quinto día consecutivo en que a estatística de mortes permanece nun só díxito.

Algo similar puxo en práctica o Goberno de Hong Kong, que prohibiu a entrada de todas as persoas que non sexan residentes no territorio durante os próximos 14 días debido a un repunte dos chamados casos "importados" de coronavirus.

Irán, o foco máis preocupante no Oriente Próximo, está a ampliar a súa capacidade hospitalaria e recibiu axuda de Médicos Sen Fronteiras (MSF) ante a pandemia do coronavirus que, segundo as cifras do Ministerio de Saúde difundidas este luns, causou ata o de agora a morte de 1.812 dos máis de 23.000 contaxiados.

Os nomes propios do coronavirus

A chanceler alemá, Angela Merkel, está "sa" e "activa" no seu primeiro día de corentena na casa, segundo explicou este luns o ministro de Finanzas e vicechanceler, Olaf Scholz. A chanceler iniciou este domingo dúas semanas de corentena tras coñecer que o día anterior tivera contacto cun médico que posteriormente deu positivo no test do COVID-19. Pero unha primeira proba deu negativo, segundo informou o portavoz do Goberno, Steffen Seibert.

O papa Francisco anulou a viaxe que tiña previsto realizar a Malta o 31 de maio debido á situación mundial que causou a pandemia.

A vicepresidenta do Goberno español, Carmen Calvo, foi ingresada nun hospital de Madrid para ser tratada dunha afección respiratoria. Practicáronselle as probas para detectar o coronavirus  sars- CoV-2 e nas próximas horas coñeceranse os resultados.

En Montenegro, os nomes propios do coronavirus convertéronse en noticia, e unha ONG de defensa dos dereitos humanos pediu ao Tribunal Constitucional dese país que suspenda a decisión das autoridades de publicar o nome e a dirección das persoas en corentena polo coronavirus, que tomaron a pasada fin de semana. O Goberno informou de que a decisión se debeu a que algunhas persoas ás que se ordenou esa corentena tras a súa chegada do estranxeiro abandonaban os seus fogares e poñían en perigo a outros e ao país.

Promete ser polémica tamén a medida adoptada pola sanidade israelí, que desenvolveu e puxo en marcha unha aplicación de móbil que advirte se un está preto dalgún contaxiado polo COVID-19. O programa, denominado Maguen (Escudo, en hebreo) pretende reducir o risco de contaxio nun país con 1.200 casos, no que soamente unha persoa faleceu.