CRTVG

Buscar

Os Estados Unidos superan A China como país con máis casos do mundo

Publicado o 26/03/2020 23:18
Os Estados Unidos superan A China como país con máis casos do mundo

Os Estados Unidos pasaron este xoves a liderar as estatísticas de contaxiados por COVID-19. Desprazaron A China e Italia, segundo datos privados. A Universidade Johns Hopkins indicou que a cifra ascende a 82.404 casos actualmente no país norteamericano, mentres o diario The New York Times calculou que son 81.321 os contaxiados.

As estatísticas dos gobernamentais Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) sinalan, con todo, que hai 68.440 casos de coronavirus e 994 falecidos. Preguntado na conferencia de prensa diaria do grupo de traballo da Casa Branca contra o coronavirus sobre o feito de que o país rexistre a maior cifra de infectados por coronavirus en todo o mundo, o presidente estadounidense, Donald Trump, mostrouse escéptico. "Vostedes non saben cales son os números na China", subliñou o mandatario.

Os contaxios dispáranse de novo en Italia, especialmente na Lombardía

O número de mortos en Italia co coronavirus alcanzou hoxe os 8.165, ao rexistrárense 662 as últimas 24 horas, unha cifra inferior ás dos dous días anteriores. Con todo, os casos positivos volveron crecer despois de tres días de descenso, e actualmente son 62.013, despois de rexistrárense 4.492 en só un día segundo os datos ofrecidos hoxe por Protección Civil. O novo aumento no número de contaxios diarios débese especialmente á Lombardía, a rexión máis afectada, onde nas últimas 24 horas aumentaron en máis de 2.500.

A China pecha as fronteiras aos estranxeiros

A China prohibirá temporalmente a entrada de estranxeiros no país, aínda que teñan visados e permisos de residencia en vigor, como medida de urxencia para frear a propagación do coronavirus, informou este xoves o Ministerio de Asuntos Exteriores nun comunicado. "En vista da rápida propagación da COVID-19 en todo o mundo, A China suspenderá temporalmente a entrada no país de cidadáns estranxeiros con visas ou permisos de residencia válidos no momento deste anuncio. A medida entra en vigor ás 12 da noite do 28 de marzo", sinala o comunicado.

Francia traslada os doentes graves

En Europa tamén segue propagándose o virus. Francia mobilizou un tren de alta velocidade para trasladar doentes a hospitais menos saturados. O país rexistra 1.300 mortes, pero só conta os falecidos en hospitais.

En Alemaña hai 37.000 contaxiados, pero os mortos non chegan a 200 debido a que non contabilizan os que tiñan outras patoloxías previas.

50.000 infectados nun día no mundo

O coronavirus causou nas últimas 24 horas case 50.000 novos infectados. Con iso, a cifra global de casos elévase a 462.684, segundo os datos máis recentes que manexa a Organización Mundial da Saúde (OMS). As mortes totalizan 20.834 en todo o mundo. Un aumento nesta xornada de 2.401 decesos con respecto á anterior. Os países e territorios que reportaron entre un e miles de casos á OMS son 199, o que implica que o coronavirus está practicamente en todo o mundo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí