CRTVG

Buscar

Estupefacción en Tenerife ante a celebración de 'festas quedada' para contaxiarse

Publicado o 13/08/2020 14:47

Norte de Tenerife. Unha praia que leva anos pechada por desprendementos. 62 persoas apúntanse a unha quedada furtiva. A policía acaba desaloxando os que xa acamparan alí. A súa intención era propagar o coronavirus. O acontecido esta fin de semana pasada foi unha cerimonia da confusión.

"Non saber cando vai acabar isto, non saber se estou contaxiado ou non, non saber cando poderei volver á antiga normalidade... Entón pódese entender como unha forma de querer quedar xa contaxiado e deixar resolta unha resposta", analiza a psicóloga Libertad Culebras.

O episodio aseméllase ás festas para se contaxiar convocadas en América, con rifas e premio para o primeiro que se contaxie. En México difundíase un audio en que invitaban a unha destas festas coa falsa crenza de que así axudaban a conter a pandemia dunha vez. Actitudes que se suman ás irresponsabilidades que van aparecendo.

"Esa frivolización de crer que te podes contaxiar e non pasa nada, esa invulnerabilidade ten que ver coa propia adolescencia, a sensación de que todo lles pasa aos demais, e vén aumentada polo que se dicía ao principio, que era unha enfermidade de xente maior", dinos a psicóloga.

A gana de evadirse inflúe nestes comportamentos que nalgúns casos mesmo derivan en festas para se expoñer á enfermidade.

"Neste caso é unha actitude extrema. Non son conscientes de que os pode levar mesmo á morte, como estamos vendo", comenta Libertad Culebras.

Pero apunta a psicóloga que a inconsciencia non é exclusiva dos mozos. Parte da sociedade afronta así a pandemia.






 

Noticias web

13/08/2020