CRTVG

Buscar

Estudantes de Silleda rescatan 1.600 microtopónimos do concello

Publicado o 16/10/2020 15:24

En Galicia as leiras, as fontes, os muiños ou mesmo as rochas teñen nome. A aplicación Galicia Nomeada estaos rexistrando coa colaboración da cidadanía. Entre os colaboradores mais activos están os alumnos do Instituto de Silleda.

"Esta leira chámase a Zanca Aberta porque pertencía a moitos propietarios e non tiña muros. Contouno meu avó que a comprou hai anos".

"Este sitio chámase o Coto dos Fogos porque, como me dixo a miña avoa, é un lugar alto onde se botaban os fogos polas festas da Fátima e o Santiago".

Así é como os estudantes de Silleda foron recollendo ata 1.600 microtopónimos cuns informantes de excepción, seus avós. Nomes en perigo de extinción polo abandono do campo, a concentración parcelaria ou a morte dos que no seu día bautizaron cada recuncho do país.

Xoán Carlos García Porral, profesor do IES Pintor Colmeiro de Silleda: "Non só recolleron os microtopónimos senón tamén o porqué de chamalos así. A idea é elaborar a historia popular máis próxima dos nosos veciños".

As recollidas comezaron hai anos, publicáronas nun libro e no Google Maps e agora estanas a inserir na aplicación Galicia Nomeada. Fano de xeito voluntario, fóra do horario escolar, porque entenden a importancia de chamar os sitios polo seu nome.

"Ao final é unha forma non só de preservar a cultura de Galicia, senón tamén a propia lingua".

"Nós temos que conservar estas lendas para contalas ao netos, igual que fan con nós".

"Despois pérdense os microtopónimos e a xente nova xa non está relacionada con iso".

Un tesouro único en Europa, que pode chegar aos 3 millóns de termos, pero cómpre rexistralos antes de que desaparezan. E iso está na man de todos.


 

Noticias web

16/10/2020