CRTVG

Buscar

Este domingo chegouse a pé á illa de Cortegada, como facían hai cen anos nos carros

Publicado o 20/09/2020 20:55

Tres ou catro veces no ano a marea baixa tanto na ría de Arousa que é posible cruzar a pé desde O Carril á illa de Cortegada, unha das marabillas das afamadas Illas Atlánticas. Hoxe é un deses días, e Televisión de Galicia fixo ese traxecto aproveitando o camiño dos carros que usaban os poboadores da Illa ata principios do século XX, cando Cortegada lles foi expropiada para regalarlla a Afonso XIII.

Pupa Jueguen é mariscadora e guía acreditada do Parque Natural das Illas Atlánticas. Sempre hai un día na metade de setembro que este camiño que permanece oculto case todo o ano baixo o mar queda ao descuberto, como era no século XIX e XX, cando os colonos de Cortegada o atravesaban en carros.

Chegan á illa, e Pupa ensínalles a estes tres grupos de quince persoas algo de historia do coñecido como Bosque flotante. Ven o poboado, a capela, os piñeiros mansos, o bosque de loureiro máis grande e aromático de Europa...

A illa expropiárona varios alcaldes, e en 1920 regaláronlla a Afonso XIII, que non lle fixo grande aprecio. Pertenceu ao pai do rei honorario, o conde de Barcelona, que a vendeu en 1978 a unha inmobiliaria que pretendía facer unha réplica da Toxa. Veciños e ecoloxistas opuxéronse. En 2007 volveu ser de todos os galegos.

Noticias web

20/09/2020

Máis sobre Vilagarcía de Arousa