CRTVG

Buscar

Estabilizado o incendio na illa da Palma, con trescentos evacuados

Publicado o 24/08/2020 15:16

Cen efectivos terrestres realizaron durante toda a noite e a madrugada deste luns labores de arrefriamento na zona afectada polo lume para controlar puntos quentes e evitar que superase o perímetro en que conseguiron estabilizalo onte, rodeando 1.200 hectáreas.

Os fortes refachos de vento, que acadaron os cincuenta quilómetros por hora, complicaron moito por momentos os labores de extinción.

Na loita contra o lume traballaron durante a fin de semana once aeronaves e catrocentas persoas en terra, ás que onte se sumaban corenta máis chegadas das brigadas forestais de Soria e Toledo.

Queimáronse varias vivendas situadas en covas e ata o momento non puideron volver ás súas casas as trescentas persoas evacuadas.

Na illa da Gomera ardeu unha hectárea e media no parque nacional de Garajonay nun incendio que está controlado desde onte á tarde.

A partir do mércores as Canarias agarda unha vaga de calor máis intensa e duradeira, polo que se traballa arreo para que estes incendios queden totalmente extinguidos antes de que se complique máis a situación.

Noticias web

24/08/2020