CRTVG

Buscar

Espectacular accidente de camión, en que o condutor só sufriu feridas leves

Publicado o 08/01/2020 20:27

Pasaban uns minutos das once e media da mañá cando varios particulares alertaban o 112 dun accidente de tráfico nesta zona da autovía do Cantábrico á altura do concello lugués de Abadín. Informaban dunha saída de vía, pero esta era máis grave do agardado. Tratábase dun camión con dúas cisternas de leite que se precipitou nun dos extremos do viaduto de Fontepresa e acabou en anacos.

O vehículo acabou nesta vía de servizo despois de colidir con outro camión que estaba parado na autovía por unha avaría e ao que ao parecer trataba de adiantar cando perdeu o control do camión e acabou precipitándose por este desnivel coas dúas cisternas cargadas de leite.

Malia a aparatosidade do sinistro, o condutor do camión só sufriu feridas leves e saíu polo seu propio pé aínda que posteriormente foi trasladado ao hospital. Afortunadamente, todo quedou nun susto e o noiro onde se inicia o viaduto amorteceu a caída. O sinistro tería consecuencias peores se se producise uns metros máis adiante, onde o viaduto acada os 40 metros de altura.

Noticias web

08/01/2020