CRTVG

Buscar

Expanden palla desde un helicóptero na serra do Xurés para recuperar o monte queimado

Publicado o 13/11/2020 14:40

A técnica utilizada nesta zona da serra do Xurés coñécese como mulching e consiste en cubrir con materia vexetal o terreo queimado para evitar o arrastre da terra. Neste caso utilizouse palla e un helicóptero que permite estendela con maior facilidade, sobre todo en zonas que se queren recuperar cunha gran pendente.

A palla fíxase ao chan evitando a erosión e non impide que xurdan novas plantas e árbores. En zonas de monte de máis fácil acceso estenderase a palla á man.

Segundo os técnicos, utilizada na proporción adecuada, reduce nun 90 por cento a erosión do terreo. "Este ano en concreto a desgraza dos incendios, moitos deles como saben provocados, fixo que teñamos que actuar aquí en Lobios, pero imos actuar tamén no macizo central, fundamentalmente na zona de Vilariño de Conso e na zona de Cualedro e Monterrei", di José González, técnico de Medio Rural.

Serán recuperadas en total máis de 200 hectáreas de monte, 80 delas en Lobios.

Noticias web

13/11/2020