CRTVG

Buscar

España supera os 700.000 casos de covid−19, tras sumar 10.653 nas últimas 24 horas

Publicado o 24/09/2020 18:45

O Ministerio de Sanidade notificou 10.653 novos casos de covid−19, dos cales 3.471 diagnosticáronse nas últimas 24 horas, un lixeiro descenso fronte aos 4.143 de onte, aínda que os datos deste xoves non inclúen Andalucía, que "non puido actualizar os datos por problemas técnicos".

A cifra total de positivos desde o inicio da pandemia sitúase xa en 704.209, segundo as estatísticas oficiais.

O informe recolle 84 novos falecementos notificados, xa que a cifra global se eleva a 31.118, fronte aos 31.034 do documento de onte.

No últimos sete días morreron 500 persoas con diagnóstico confirmado de covid−19, unha cifra similar ás 517 do informe do luns.

No últimos sete días, ata 2.404 persoas precisaron de hospitalización por coronavirus (146.477 no conxunto da pandemia) e 189 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para un total de 13.255 desde que o virus chegou a España.

Os expertos falan de situación seria, preocupante e móbil en España

A Comunidade de Madrid suma 4.250 novos casos da COVID−19, máis de 800 notificados nas últimas 24 horas. Nos hospitais hai máis de 3.200 pacientes ingresados e máis de 430 nas UCI. Con estes datos, o país ten a ollada posta nas novas medidas que anunciará o Goberno rexional.

Sobre o debate de se unha comunidade pode limitar a mobilidade con outra veciña (como podería ser Madrid) os expertos piden a máxima prudencia. A evolución do virus amosa que ninguén está a salvo dunha crise no seu territorio. Nestes momentos hai 832 gromos con 5.600 casos.

O dato positivo é que arredor do 80 % dos focos teñen menos de dez casos. E coma sempre, o dato negativo ten mensaxe para toda a sociedade, porque máis dun terzo deles seguen relacionados co ámbito social e familiar. No terreo educativo, en Sanidade falan con cautela, pero lembran que ata o de agora, a incidencia de contaxio é moito menor que noutros ámbitos.

Os datos do eido hospitalario facilitados polas comunidades autónomas seguen estables cun 9,5 % de ocupación de camas por mor do coronavirus. A cifra ascende ao 17 por cento se atendemos ás UCI do país.