CRTVG

Buscar

España suma 767 falecidos a causa do coronavirus, 169 máis nas últimas 24 horas

Publicado o 19/03/2020 12:07

• Os contaxios superan os 17.000, case 3.500 máis nun día

• As persoas dadas de alta son xa 1.107

O Ministerio de Sanidade confirmou este xoves un total de 17.147 casos positivos de coronavirus, 3.431 máis que onte, e os falecidos ascenden a 767, 169 máis.

Son os últimos datos que facilitou o departamento que dirixe Salvador Illa, que indican, ademais, que 939 persoas estánen unidades de coidados intensivos e que 1.107 curaron.

A comunidade de Madrid continúa sendo a máis afectada con 6.777 contaxios e 590 falecidos. Alí é onde hai tamén máis persoas na UCI, 498, e tamén máis persoas recuperadas, 941.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do ministerio, Fernando Simón, sinalou na conferencia de prensa posterior á reunión do Comité de Seguimento do Coronavirus que a evolución por comunidades "segue sendo a mesma" e que os datos sobre os casos "son pouco valorables día a día" xa que hai que ver a tendencia de varias xornadas seguidas.

A comunidade de Madrid, con 6.777 positivos, 498 falecidos e 590 ingresos en UCI continúa sendo a máis afectada, e séguena Cataluña (2.702) e o País Vasco (1.190).

Simón indicou que o feito de que a letalidade sexa máis elevada nalgúns territorios se debe a que tiveron máis positivos entre as persoas maiores.

Tampouco hai "moita máis información sólida", segundo este experto, que explicou que por idade, aínda que falta aínda información e a situación pode "cambiar día a día", o 33 % dos casos ten máis de 65 anos, e o 18 % do total -é dicir a metade dos maiores de 65- teñen máis de 75.

"Sabemos que as persoas maiores, como era de esperar, e os grupos de risco teñen unha incidencia de pneumonía grave superior ao resto", explicou Simón, que indicou que entre estes colectivos, o 32 % dos contaxios deriva nesa enfermidade.

Así mesmo, insistiu que son datos elaborados con "información parcial" co que hai que tomalos "cun pouco de precaución".