CRTVG

Buscar

España notifica 1.486 positivos novos en 24 horas

Publicado o 11/08/2020 14:46

O Ministerio de Sanidade notificou 1.486 contaxios novos. O Ministerio informou tamén de 65 mortes por coronavirus nos últimos sete días. E entre as comunidades que notifican día a día máis casos, Cataluña está en fase de control e en parte de Aragón a situación estase estabilizando. Navarra e Euskadi manteñen un certo nivel de transmisión. 

Aragón segue á cabeza en número de contaxios. A última cifra oficial, 348 novos positivos. 305 deles, na capital Zaragoza. Esta mañá, o Exército instalaba no aparcadoiro de urxencias do Hospital Clínico unha área de hospitalización temporal e un dispositivo de triaxe avanzada. Trátase dun dispositivo preventivo, que se non fai falla "non se usará", segundo José Ignacio Barrasa Villar, xerente do sector sanitario de Zaragoza. En caso de facer falta, aquí poderán atender entre 40 e 45 pacientes á vez.

En Cataluña mantense a tendencia á baixa dos últimos días. Con todo, cifras aínda moi altas. A Generalitat notificou 830 novos positivos e dúas defuncións nas últimas 24 horas, inda que baixa o risco de repunta. Hoxe continúan en Santa Coloma e Vilafranca del Penedés os cribados masivos e voluntarios por barrios.

A Generalitat autorizou hoxe a apertura interior de bares e restaurantes da cidade de Lleida e de seis municipios do Baix Segre, relaxando as medidas restritivas que se adoptaran ao disparárense as cifras de contaxios.

Navarra notificou hoxe 59 novos casos, seis hospitalizacións e unha morte en Tudela. E en Euskadi, baixa o número de contaxios pero aumenta o de hospitalizacións. Xa pasa do cento de ingresados, 6 deles na UCI.

Con máis de 8.000 contaxiados desde o venres, España é o país co maior incremento de casos nos últimos 14 días.

O Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades aconsellan medidas máis estritas nos países que están experimentando repuntas, con máis test masivos, maior rastrexo de contactos, máis illamentos e corentenas.

Noticias web

11/08/2020