CRTVG

Buscar

España alcanza un novo récord de contaxios con 20.986 casos novos

Publicado o 22/10/2020 19:23

O Ministerio de Sanidade notificou 20.986 novos casos de covid-19, 7.953 nas últimas 24 horas, co que a cifra total desde o inicio da pandemia ascende a 1.026.281 contaxios, e a de mortos a 34.521, con 155 máis.

Cos datos facilitados polas comunidades, Sanidade indica que Madrid continúa no primeiro posto en canto a novos contaxios, con 2.213 máis nas últimas 24 horas, seguida de Aragón, con 1.063; País Vasco, con 879; Andalucía, con 672; Navarra, con 593, e Cataluña, con 459.

Ademais, nos últimos 14 días a incidencia acumulada (casos por cada 100.000 habitantes) é de 348 (16 puntos máis que onte), e Navarra segue por encima do milleiro de casos, con 1.058; mentres que a ocupación dos hospitais sitúase no 11,8 % (3 décimas máis) e a presión nas  ucis aumenta catro décimas ata o 21,8. 

 

Controis de acceso en Zaragoza, Huesca e Teruel. Aragón tenta conter a expansión do virus que suma 1.600 novos contaxios. A partir do luns, a comunidade entra na fase 3 de alerta con restricións en todas as actividades.

 O Tribunal Superior de Xustiza de Navarra ratifica o confinamento perimetral da comunidade foral cunha incidencia acumulada de máis de mil casos por 100.000 habitantes. Tamén o peche da hostalería que se prolongará ata o 4 de novembro. A Rioxa comeza este venres coas limitacións á mobilidade.

Cataluña supera os 4.000 positivos diarios e Madrid os 3.000. Andalucía, que ata o momento conseguira controlar os principais gromos, notifica máis de 2.900 infeccións. Fernando Simón lamentou ter superado o millón de casos dende o inicio da pandemia.

A incidencia media en todo o territorio xa supera os 348 casos por 100.000 habitantes, un dato que Fernando Simón considera preocupante.