CRTVG

Buscar

Escrivá cifra en 888.597 os empregos destruídos pola crise do coronavirus

Publicado o 15/04/2020 17:18
Escrivá cifra en 888.597 os empregos destruídos pola crise do coronavirus

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, cifrou en 888.597 os empregos destruídos desde o 12 de marzo como consecuencia da crise do coronavirus, unha caída equivalente á dos peores meses da anterior crise (setembro 2008-marzo 2009).

Durante a súa comparecencia este mércores no Congreso, Escrivá asegurou que desde o 24 de marzo entrouse nunha fase de estabilización, que continúa durante a primeira metade de abril.

Explicou tamén que, tras perderse 600.000 afiliados á Seguridade Social nos días ao redor da declaración do estado de alarma, apréciase que desde o día 24 non hai caídas desa magnitude, coa única excepción do 31 de marzo, aínda que neste caso a evolución está condicionada polo habitual fin de contratos ao acabar o mes.

Case 2 millóns de afectados por ERTE están a cobrar paro

Por outra banda, José Luis Escrivá, sinalou que case dous millóns de traballadores afectados por ERTE están a cobrar prestación de paro.

Durante a súa comparecencia na Comisión de Traballo no Congreso para explicar as medidas que puxo en marcha o Ministerio para facer fronte á COVID-19, Escrivá afirmou que o total das medidas de protección de emprego cubriron ao 30% da poboación activa.

Tamén sinalou que case 4 millóns de persoas, o 16% da poboación activa, están incluídas en ERTE e a máis do 50 % destes expedientes xa se lles efectuou a exoneración das cotizacións á Seguridade Social dos seus traballadores.

Así mesmo, incidiu en que se trata dunhas medidas "sen precedentes" que "son moi extensas e que poderán protexer as rendas de 6 millóns de persoas" xa que esta protección de rendas "é a absoluta prioridade do Goberno neste momento".