CRTVG

Buscar

Escribá anuncia trocos de nomes e de mecanismos

Publicado o 26/10/2019 18:18

A derrota do Celta ante o Alavés deixou malas sensacións en Vigo. Tanto que Escribá leva toda a semana traballando novos mecanismos, novas armas para que o seu equipo aumente a intensidade e a agresividade durante os partidos. E para iso fará trocos no once titular.

"Algún cambio de xogadores imos facer e tamén traballamos certos mecanismos para mellorar esas cousas que cremos que temos que mellorar", explicou Escribá.

Un cambio será obrigado. Rafinha non se recuperou a tempo e non entrou na convocatoria, tampouco Pione, neste caso por razóns técnicas. Si que está Hugo Mallo, xa sen molestias, e os canteiráns Iker Losada, Sergio Carreira e Sergio Bermejo. E por suposto, Iago Aspas. O máximo goleador español das últimas tres temporadas só leva un gol nesta.

"Poderanse analizar moitas cousas do equipo pero non creo que ninguén poida dicir que Iago vive illado en ataque ou que non lle chegan balóns", sinalou o técnico.

E o outro nome propio da semana no Celta, o do adestrador Fran Escribá, cuestionado unha vez máis polos malos resultados do equipo.

"Entendendo que é lóxico que poida haber certo ruxerruxe e demais, non vivo pendente diso nin me preocupa. Preocúpame que o equipo mellore, gañe e polo camiño sexamos todos un pouco máis felices", recoñeceu o adestrador do Celta.

A felicidade pasa por Balaídos, onde o Celta acadou as dúas únicas vitorias que leva nesta liga.
 

Noticias web

26/10/2019