CRTVG

Buscar

Escribá albisca unha xornada propicia

Publicado o 26/04/2019 20:33

O Celta afronta mañá a segunda saída da semana. Visita Butarque. A vitoria de onte do Vilarreal deixa o Celta máis preto da zona de descenso, aínda que o colchón segue sendo de dous puntos. Quedan catro xornadas e doce puntos en xogo. Escribá fai os seus cálculos tendo en conta os rivais dos competidores directos: "É unha semana, empezando polo noso, con partidos complicados para case todos os equipos que estamos aí abaixo. Evidentemente logo pódese dar algunha sorpresa. É unha semana que en caso de sumar os 3 puntos, se os resultados acompañan, podemos atoparnos cunha marxe moi boa a falta de 9"

A xornada vai emparellar o Atlético co Valladolid no Metropolitano, o Xirona recibe ao Sevilla e o Levante preséntase coma o último obstáculo do Barça no seu camiño ao título. E o técnico do Celta non agocha o resultado que prefire: "Loxicamente igual que os rivais estarán a favor do Leganés nós desexamos unha vitoria do Barça. Xa non só porque sexa campión senón porque é un rival directo contra o que xoga

E porque ese Barça campión xogará en Balaídos a semana que vén pensando nas semifinais da Champions. Pero antes toca visita a Butarque onde agarda un Leganés moi perigoso no xogo aéreo, segundo apunta Escribá: "Ante un equipo físico tentar non defender preto da nosa portería. Todo o que sexa que nos provoque moitas faltas, córners e demais estaremos en perigo. Non queremos esa situación, queremos ser un equipo valente que busque portería porque buscamos os tres puntos".

Jozabed probablemente ocupará a praza no centro do campo que deixa o sancionado Okay. Brais, recuperado, volve á convocatoria na que non están nin Emre Mor nin Hoedt que pasa de titular en Cornellá a non viaxar a Butarque

Noticias web

26/04/2019