CRTVG

Buscar

Escaseza dalgúns produtos nas farmacias, coma o alcohol ou o paracetamol

Publicado o 30/03/2020 14:14

Nos últimos días disparouse a demanda de paracetamol, o que fixo que nas farmacias comezase a escasear este medicamento. Isto aconteceu en particular con determinadas marcas, polo que os farmacéuticos procuran evitar falar de desabastecemento.

"É normal, pola situación que vivimos de alarma na poboación, sobre todo a nivel dalgúns medicamentos básicos como poida ser o paracetamol. O que si que hai que transmitir é que si hai a medicación. E toda situación da poboación é moi respectable. Todos somos humanos, todos temos medo, polo que o que hai que trasladar, sobre todo dende o persoal sanitario, é tranquilidade e que todo está máis ou menos controlado", di Santiago Torres Labandeira, farmacéutico.

Entre os produtos preventivos, os que máis escasean son as máscaras e os guantes. Tamén as solucións hidroalcohólicas e mais o alcohol, que a día de hoxe falta en moitas farmacias, á espera de que se reabasteza o mercado.

"Están xa en España moitas adegas, cónstame, en Xereze noutros lugares, non sei se en Galicia tamén, sacando alcohol sanitario para empezar a facer máis cantidade de hidroxel. E as máscaras, como veñen da China, no momento que se comisaron pedidos a fabricantes e á gran distribución moitos pedidos que tiñamos no aire pois non chegaron. Pero é algo lóxico nun estado de emerxencia", conta Arturo Fernández de la Vega, farmacéutico.

"Disparouse, pola situación que vivimos, pero xa se está empezando a regular a subministración. Eu o que quero trasladar é tranquilidade. A xente ten a súa medicación e o alcohol tamén, que xa se está volvendo a subministrar", di Santiago Torres.

Esta escaseza de determinados produtos farmacéuticos vén sumarse á que xa se estaba dando de antemán con certos fármacos importados, sobre todo tranquilizantes e ansiolíticos.

Noticias web

30/03/2020