CRTVG

Buscar

Íñigo Errejón renuncia ao seu escano no Congreso pero non abandona Podemos

Publicado o 21/01/2019 20:57

Catro días despois da crise aberta por renunciar á marca Podemos para ir na plataforma impulsada por Manuela Carmena, Íñigo Errejón anuncia que deixa de ser deputado no Congreso pola formación morada.

"Pago moi tranquilo o prezo de tomar a decisión correcta. Comunícolles que entrego a miña acta de deputado de Podemos por Madrid para centrarme en erguer unha nova maioría que consiga levar o cambio ao goberno rexional", asegurou

Errejón di que con esta decisión pretende rebaixar a tensión e o drama. Cede en parte ás presións de Podemos pero non renuncia a formar parte do partido que lle segue mostrando a porta de saída.

"Eu non abandono o partido que fundei. Eu son militante de Podemos, vou seguir sendo militante de Podemos e estou facendo o que Podemos me aprendeu", afirmou.

"Desexámoslle sorte e que lle vaia ben e que consiga o que quere, pero iso a nós parécenos incoherente con manter a súa posición dentro de Podemos", asegurou a voceira de Podemos, Noelia Vera

A dirección de Podemos insiste en que competirán coa lista de Errejón, quen non obstante aínda confía en que a candidatura Más Madrid acabe confluíndo coa de Podemos nas eleccións autonómicas como xa aceptou facer nas municipais na capital.

Carolina Bescansa en Twitter cualificou a dimisión de Errejón dun erro e un síntoma máis da deriva en Podemos. Di que nalgún momento haberá que explicar que está pasando sen manipulacións sentimentais nin manías conspiranoicas.

Noticias web

21/01/2019