CRTVG

Buscar

"Recuperada a atención pediátrica podemos volver a facer o que sempre se fixo no hospital de Verín"

Publicado o 30/01/2020 10:06

• O novo hospital da Coruña é froito dun "proceso complexo, de moitos meses de traballo, coa participación dos profesionais"

O conselleiro de Sanidade, Xesús Vázquez Almuíña, foi entrevistado en directo este xoves no 'Bos días', onde explicou os detalles do novo hospital da Coruña, do que dixo que é froito dun "proceso complexo, de moitos meses de traballo, coa participación dos profesionais". Finalmente, optouse pola localización actual, explicou, "pero ampliando, duplicando a superficie". 

O novo hospital, contará con "cuartos máis amplos, novas urxencias, incorporando novos servizos como oncoloxía, radioterapia...", aseguou Vázquez Almuíña. 

Respecto á sala de partos do Hospital de Verín, dixo que a decisión de cerrala no seu momento foi "difícil", pero que se fixo "por responsabilidade. Fixémolo para darlles seguridade ás nais e aos bebés".

O conselleiro explicou que aínda que se suspendeu a actividade, no centro "estaban todos os equipos, menos os pediatras, co mesmo horario, cos equipos preparados por se había necesidade, pero, evidentamente, non tiñamos a pediatría fundamental".  

"Dende hai tempo, xa os partos complexos ían para Ourense. Nós temos a responsabilidade de dar seguridade ás nais e os nenos. E as decisións tomáronse sempre baseadas en informes dos profesionais. E, posiblemente, cando unha parte da poboación protestou, non acertamos na explicación. Pero esa explicación é clara: o problema é de pediatras. Había que dar cobertura, e ante dúbida derivamos a Ourense", asegurou Vázquez Almuíña. "Agora, recuperada a atención pediátrica podemos volver a facer o que sempre se fixo neste centro".

Respecto ao coronavirus xurdido na China, o conselleiro explicou que "desde que apareceu temos un bo equipo traballando baixo a Dirección de Saúde Pública, cun protocolo e conexión entre todos os hospitais. Xa temos a experiencia do Évola e funcionou perfectamente".

"Todos os hospitais teñen unidades para poder facer illamento destes pacientes en caso de que ocorra. Os especialistas din que é poco probable que chegue, pero estamos preparados", concluíu. 

 

Noticias web

30/01/2020