CRTVG

Buscar

Rosa Cerqueira: "Para previr os suicidios hai que investir en protección social, sanidade e educación"

Publicado o 31/12/2019 10:25

O 'Bos días' trata un asunto sempre espiñento. Difícil de abordar. Fala do suicidio. Os últimos datos dos que podemos tirar son estes: en 2018, case 3.700 persoas decidiron suicidarse en España. Estes días, o suceso que tivo como protagonista o ex-marido de Marta Luísa de Noruega, fixo que nos formularamos varias preguntas: por que a decisión de quitarse do medio? É un fracaso individual ou colectivo? Por que, en moitos casos, a contorna da persoa non o ve vir?.

Rosa Cerqueira, voceira do Movemento Galego de Saude Mental, achéganos algunhas respostas sobre unha realidade tan dramática que en Galicia supón que "cada día morre por suicidio unha persoa e unhas 20 persoas fan tentativas de suicidio", salienta Rosa Cerqueira, "ante isto a sociede non pode quedar atrás e temos que facer algo".

Segundo as recomendacións da OMS, "os medios de comunicación son fundamentais á hora de sensibilizar, difundir que se pode facer para previlo; o tema é como se dan as noticias. Non é cuestión de que non se fale do suicidio, porque é crear un muro de silencio arredor da persoa que está a sufrir, e disuadila de falar e de buscar axuda. Hai que falar de forma rigorosa e coidadosa, sen entrar en detalles que son innecesarios, evitar o morbo", explica Rosa Cerqueira.

"O suicidio é un problema de saúde, polo que hai que evitar os xuízos de valor, evitar os prexuízos negativos ou destacar un valor romántico, que non o ten, como se fai con algúns artistas", explica a voceira do Movemento Galego de Saude Mental.

Non hai un perfil do suicida, porque "os factores de risco son múltiples, son complexos e, ademais, dáse case sempre unha concatenación de factores, e a acumulación fai que a persoa pense que non merece a pena vivir ou que non en outra saída", aclara Rosa Cerqueira.

Os suicidios en Galicia están estancados, houbo unha diminución en 2018, pero, segundo Rosa Cerqueira, "hai que facer campañas para que esa tendencia sexa realmente estable, porque se non o que vemos é que aumenta e diminúe segundo diversos factores, sobre todo os económicos. Para que sexa estable hai que investir en recursos, en protección social, en sanidade e en educación".

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/12/2019