CRTVG

Buscar

Martiño Noriega: "Eramos conscientes da demanda da cidadanía que quere cambio político e houbo xenerosidade"

Publicado o 24/02/2020 10:52

O líder de Anova, Martiño Noriega, falou esta mañá no Bos días sobre como se xestou a coalición con Unidas Podemos e as mareas municipalistas para finalmente alcanzar un acordo para acudir xuntos ás eleccións.

"Foi complicado e complexo porque había que reflectir as dúas almas dun espazo construído desde 2012. O que ocorre é que eramos conscientes da demanda do conxunto da cidadanía que quere cambio político obrigaba a estar á altura das circunstancias e nese sentido creo que houbo xenerosidade entre as partes", afirmou.

"Creo que o vernes á noite o presidente Feijóo e o Partido Popular tiveron unha mala noticia: non se vai disgregar o voto e as posibilidades dun cambio real no país está aí", dixo Martiño Noriega.

Sobre a posibilidade de que el mesmo forme parte das listas electorais da coalición que vai encabezar Antón Gómez-Reino non quixo ser rotundo no seu posicionamento: "Eu coido que iso nestes momentos é o de menos", asegurou. "Eu estou comprometido co proceso de cambio e en todo caso corresponderalle aos compañeiros cales son os mellore perfís para ir nesas listas. Non é unha cuestión que estea decidida nin tampouco é unha cuestión persoal".

"Houbo moitas conversas, non só a de Beiras con Pablo Iglesias", dixo o ex-alcalde de Santiago sobre a marcha das negociacións, e restou importancia a unha posible dificultade na convivencia entre federalistas e soberanistas: "Se analizamos as cousas con dinámicas de parte non entendemos os retos que todos temos. Dalgunha maneira todos nos vimos convocados a ceder. Lévamolo facendo desde 2012, con éxitos e fracasos, pero de todas maneiras a esquerda sociolóxica debera reflectirse nun espazo coma este, que pode ter contradicións pero como as ten a propia xente".

Sobre a impronta que Anova vai ter no programa electoral da coalición dixo: "Creo que será nesa actitude de impugnación e no recoñecemento de que o futuro do país pode ser doutra maneira. Dá a sensación de que este só podemos ser un parque temático subsidiado e nós cremos que hai podencialidades para que sexa doutra maneira".

Respecto a posibilidade de chamar ao voto aos simpatizantes e militantes de En Marea, que decidiu non presentarse ás eleccións, aclarou que "creo que ninguén pode excluir chamamentos amplos para que a xente se sinta incluída". E sobre a marcha de Luís Villares: "Eu xa llo dixen a el, sabe que sempre tivemos unha boa relación, máis alá dos acordos e dos disensos que puidesemos ter, que fomos francos un co outro e cando chega un momento coma este só queda desexarlle sorte".

Á espera de que comece a campaña electoral e de se o nome de Martiño Noriega estará nas listas finalizou afirmando que "sexa cal sexa o resultado final, eu estarei botando unha man. Por nós non vai quedar e creo que ese ten que ser o mandato".

Noticias web

24/02/2020